A Deputación destina preto de 200.000 euros para mellorar a rúa Noria, en Cangas de Morrazo

A deputada María Ramallo visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para renovar o abastecemento e saneamento desta vía

29/07/2026

A Deputación destina preto de 200.000 euros para mellorar a rúa Noria, en Cangas de Morrazo

A deputada provincial María Ramallo visitou este mércores Cangas de Morrazo, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra vai financiar ao 100% as obras de renovación e abastecemento no rúa Noria. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de 200.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Cangas de Morrazo máis de 2,1 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Este proxecto contempla a substitución total da rede de saneamento, a instalación dunha nova liña de abastecementos de maior sección, a ampliación da rede de pluviais e a posterior repavimentación asfáltica e sinalización da rúa Noria. Máis polo miúdo, substituirase un colector obsoleto por unha nova tubaxe que discorrerá baixo a zona de rodaxe de aglomerado e refaranse e conectaranse correctamente todas as acometidas dos edificios de ambas marxes. Ademais, instalarase unha nova liña de auga potable con maior sección, deseñada para permitir un correcto anelado coas rúas transversais e incrementarase a rede de pluviais actual executando un novo tramo de conexión entre a rúa Atranco e o camiño de Reboredo. Por último, procederase ao asfaltado completo da calzada para eliminar as irregularidades e fochancas derivadas das reparacións previas, seguido do repintado xeral da sinalización horizontal.

María Ramallo puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, a deputada sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Cangas de Morrazo, que buscan mellorar a vida dos e das veciñas”.

Galerias de imagenes