A Deputación financia as obras de mellora das instalacións e a seguridade viaria no casco urbano do Grove con preto de 500.000 euros do Plan +Provincia
O deputado provincial Javier Tourís anunciou que a axuda será aprobada este venres na Xunta de Goberno e permitirá financiar os traballos, xa en execución, que están a renovar a rede de saneamento para substituír a unitaria actual por unha separativa completa
12/08/2026
O deputado provincial Javier Tourís anunciou este mércores no Grove que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente a actuación de mellora das instalacións de servizos e a seguridade viaria que se están a acometer en diversos puntos do seu casco urbano, arredor de rúas concorridas como a da Platería ou a de Peralto. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de preto de 500.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará ao Grove preto de 1,6 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano os concellos poden acceder anticipadamente.
As obras afectan as rúas Peralto, Rapeta, Outeiriño, Montiño, Concepción Arenal (dous tramos) e mais a Travesía da Platería, unha zona que conforma un tecido urbano residencial e comercial de alta densidade e con tráfico preferentemente peonil. Estes consistirán na renovación do pavimento das vías e da rede de saneamento, substituíndo a rede unitaria actual por unha nova rede separativa completa. Esta, na Travesía da Platería, será de nova planta, xa que na actualidade non conta con este servizo. Na actualidade xa está executado arredor dun 5% dos traballos.
O deputado provincial sinalou que o Plan +Provincia 2026-2027 “conta con 85 millóns de euros cos que os concellos poden cumprir as súas promesas e facer realidade os seus proxectos prioritarios”. A Deputación é consciente de que os concellos “precisan de financiamento para podelos levar a cabo, e por iso este plan de cooperación é o máis ambicioso da historia da Deputación”, asegurou. Tourís puxo en valor que o Plan +Provincia “é o gran símbolo do noso compromiso co municipalismo, con autonomía para que os concellos poidan decidir a que dedican os recursos que lles corresponden”.
