A Deputación supervisa as obras de mellora da drenaxe e seguridade viaria nun treito da estrada provincial ao seu paso por Xeve, en Pontevedra

O vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, visitaron os traballos adxudicados por 69.000 €, que abranguen un treito de 200 metros da estrada provincial EP-0018 Xeve-Amil-A Espedregueira, que une Pontevedra con Moraña

22/05/2026

A Deputación supervisa as obras de mellora da drenaxe e seguridade viaria nun treito da estrada provincial ao seu paso por Xeve, en Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, supervisaron esta mañá en Xeve as obras de mellora que está a acometer a institución provincial na estrada provincial EP-0018 Xeve-Amil-A Espedregueira, que une a cidade de Pontevedra co concello de Moraña. A actuación afecta un tramo de 200 metros á altura de Xeve, integramente no Concello de Pontevedra, co obxecto de mellorar a seguridade viaria e a drenaxe lonxitudinal da vía. Os traballos, cun orzamento base de preto de 75.000 euros, adxudicáronse por 69.000 euros.

As obras comezaron coa roza e limpeza de cunetas, noiros e terrapléns, así como a demolición e levantamento de firmes, co seu posterior fresado. A continuación realizáronse as obras de drenaxe, coa instalación de tubaxes de PVC sobre cama de area, a execución de cunetas revestidas de formigón, a instalación dos sumidoiros e a execución de arquetas e soleiras con xuntas de dilatación. Na sección de muros, as obras inclúen as escavacións para a formación de noiros e cimentación, incluíndo o saneamento de desprendementos e drenaxe, así como a execución de muros de contención con instalación de barreiras de seguridade. Cun prazo de execución de catro meses, na actualidade as obras atópanse nun estado moi avanzado. Hoxe rematará a execución das cunetas, quedando unicamente pendente a colocación das barreiras e os remates.

Estas obras que se están a executar nun tramo de 200 metros da estrada provincial EP-0018 Xeve-Amil-A Espedregueira completaranse para atender as demandas da veciñanza da parroquia. Deste xeito, nestes momentos o servizo de Infraestruturas da Deputación está xa a elaborar o proxecto para ampliar a actuación desde o punto no que rematarán as obras que se están a executar na actualidade ata o entronque coa estrada autonómica, tal e como se comprometeu o vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada Belén Cachafeiro nunha xuntanza mantida recentemente coas veciñas e veciños de Xeve.

O vicepresidente e a deputada provincial lembraron o compromiso do goberno provincial coa mellora das infraestruturas provinciais ao seu paso pola cidade de Pontevedra, sumando a este proxecto as obras de mellora da estrada de Tomeza, que se adxudicaron na Xunta de Goberno de fai dúas semanas por valor de 1,6 millóns de euros. Actuarase nun treito de 2,5 quilómetros do inicio da EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido para a mellora da mobilidade peonil a través dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho e zonas de convivencia entre tráfico rodado e peonil, nun tramo atravesado polo Camiño Portugués. Tamén mencionaron os preto de 2 millóns comprometidos para a gran reforma de Mollavao, ou os avances no procedemento para converter o treito ferroviario en desuso entre Pontevedra e Arcade nunha vía verde, coa cesión dos terreos por un período de dez anos.

Galerias de imagenes