A Deputación destina 675.000 € a financiar a humanización de contornas en núcleos rurais de Silleda
A deputada Belén Cachafeiro visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para a transformación de varias zonas do concello
15/09/2026
A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou este martes Silleda, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra vai financiar ao 100% as obras de humanización de contornas de varios núcleos rurais. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de 675.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Silleda máis de 1,5 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
O obxectivo xeral deste proxecto é transformar os núcleos rurais de Cumbraos, Coveira – Soldecasa, Santa Cristina, A Peroxa, Vilavella, Pedrouzo, Sestelo, Recimil e Toxa, co obxectivo de convertelos en espazos máis amables, accesibles e pensados para as persoas. Proxéctanse actuacións en materia de firmes e pavimentos cuxa finalidade é reconfigurar o espazo viario desde unha perspectiva de uso máis seguro, accesible e adaptado á vida cotiá dos núcleos rurais. En concreto, renovarase a capa de rodaxe con formigón bituminoso en quente, e, en determinados ámbitos, optarase por solucións de formigón, máis axeitadas para espazos de menor velocidade e maior emprego peonil. Ademais, procederase á limpeza e perfilado das cunetas existentes, mellorando a evacuación de augas pluviais e reducindo o deterioro dos pavimentos e executaranse obras de drenaxe lonxitudinal e transversal onde sexa necesario. Por último, instalarase sinalización vertical e horizontal e incorporaranse elementos de mobiliario urbano.
Belén Cachafeiro puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, a deputada sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Silleda, que melloran a vida da veciñanza”.
