A Deputación destina 445.000 euros a financiar a humanización de varias vías en diferentes parroquias de Vilaboa

A deputada María Ramallo visitou a zona e anunciou que o vindeiro luns se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para esta actuación

02/07/2026

A Deputación destina 445.000 euros a financiar a humanización de varias vías en diferentes parroquias de Vilaboa

A deputada provincial María Ramallo visitou este xoves Vilaboa, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar con 445.000 euros as obras de humanización de varias vías en diferentes parroquias da Concello de Vilaboa. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará o vindeiro luns os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Vilaboa algo máis dun millón de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Cos recursos provinciais o Concello de Vilaboa realizará unha ampla intervención sobre diversos camiños municipais que presentan un estado deficiente, con asfaltos deteriorados, fochancas de notable dimensión e infraestruturas de drenaxe insuficientes. En concreto actuarase en nove ámbitos distribuídos polas parroquias de Santa Cristina de Cobres, Santo Adrán de Cobres, San Martiño de Vilaboa e Santa Comba de Bértola. As obras previstas céntranse na pavimentación das vías municipais, empregando solucións de aglomerado en quente, fresado parcial, tratamentos bituminosos e, nalgúns puntos, pavimentos alternativos como lastro de granito ou formigón armado.

Complementariamente, o proxecto incorpora a renovación e execución de novas obras de drenaxe, incluíndo limpeza e reparación de medios caños, instalación de tubaxes de PVC para pluviais, embornais prefabricados e canles de drenaxe. Ademais, En Filgueira e Pedrouzo prevese tamén a execución de novas redes de abastecemento, mediante escavación de gabias, instalación de tubaxes de polietileno e colocación dos elementos auxiliares necesarios. A actuación complétase coa implantación de sinalización horizontal e vertical en todo o ámbito das obras.

María Ramallo puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, a deputada sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como esta que hoxe anunciamos en Vilaboa, que busca mellorar a seguridade, funcionalidade e condicións de uso das vías municipais”.

Galerias de imagenes