A Deputación destina 130.000 euros á mellora do camiño da Renza e a travesía Nogueirido, en Vilagarcía de Arousa

O deputado Javier Tourís visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para mellorar a seguridade e a comodidade das vías situadas nas parroquias de Sobrán e Bamio

13/08/2026

A Deputación destina 130.000 euros á mellora do camiño da Renza e a travesía Nogueirido, en Vilagarcía de Arousa

O deputado provincial Javier Tourís visitou este xoves Vilagarcía de Arousa, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar a mellora do camiño da Renza, na parroquia de Sobrán, e a travesía Nogueirido, en Bamio. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de 130.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Vilagarcía de Arousa 2,6 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

En concreto, no camiño da Renza realizarase unha rehabilitación superficial que comprende a limpeza integral, o fresado do asfalto antigo, a regularización da rasante e o estendido dunha nova capa de rodadura de 5 centímetros, complementada coa renovación dos elementos de drenaxe —como sumidoiros e grellas— e o repintado da sinalización horizontal e vertical. Pola súa banda, na travesía de Nogueirido levarase a cabo unha intervención integral desde a base, que inclúe a escavación do terreo, a colocación dunha nova fundación de saburra artificial compactada, a pavimentación asfáltica e a sinalización definitiva para garantir unha vía totalmente renovada e segura para a veciñanza.

Javier Tourís puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido o deputado sinalou que, a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Vilagarcía de Arousa, que melloran infraestruturas municipais fundamentais no día a día da xente”.

Galerias de imagenes