A Deputación leva esta fin de semana ata Barro e O Campo Lameiro percorridos do programa provincial +Bosques
O parque natural do rio Barosa e o río Maneses acollen novas saídas deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque
17/09/2026
A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana, con todas as prazas esgotadas, os percorridos de setembro do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades, con dúas quendas por día, terán lugar no parque natural do río Barosa, en Barro, e pola contorna do río Maneses, no Campo Lameiro, con todas as prazas esgotadas e a participación dun total de 60 persoas.
Deste xeito, o sábado 19 de setembro será a quenda dos grupos que visitarán o parque da natureza do río Barosa, unha zona de especial beleza onde destaca o seu conxunto de 17 muíños de auga e onde os asistentes percorrerán dous treitos: a zona superior e a chaira anterior á popular fervenza. Pola súa banda, o domingo 20 de setembro os percorridos terán lugar pola contorna do río Maneses, unha zona que presenta unha rica vexetación autóctona de ribeira, con salgueiros, carballos, loureiros e fentos, ademais de muíños.
Esta edición de +Bosques inclúe rutas en sete espazos da costa e o interior da provincia ata setembro para coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionan ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza nas que se promove a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos, co fin de comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.
+Bosques remata a súa edición de 2026 este mes de setembro e faino con todas as prazas esgotadas. Os percorridos rematarán a vindeira fin de semana con dous percorridos pola contorna do río Lérez (Pontevedra) o 26 de setembro, e polo mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 27 de setembro.