Luis López anuncia que a Deputación activa as axudas para que as entidades sen ánimo de lucro promovan a igualdade no 2027, dotadas con 240.000 euros

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación das bases das axudas no Boletín Oficial da Provincia

23/10/2026

Luis López anuncia que a Deputación activa as axudas para que as entidades sen ánimo de lucro promovan a igualdade no 2027, dotadas con 240.000 euros

Luis López anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha as axudas destinadas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, unha liña dotada con 240.000 euros.

En concreto, e como informou López, cada solicitante poderá recibir ata 7.000 euros e, con estes recursos, poderán impulsar proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; proxectos de atención integral a vítimas de violencia machista, fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; actuacións e programas destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades, ou proxectos e actividades que favorezan e fomenten a igualdade entre mulleres e homes.

As actuación deberán realizarse durante o ano 2027 e rematar antes do 31 de decembro dese mesmo ano e o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

audios