A Deputación aproba a ampliación do convenio con Vigo para garantir os 2,6 millóns de euros destinados ao macroparque de Finca Matías

Luis López destaca que a institución provincial xa evitou a perda de 8,7 millóns de euros en fondos provinciais para Vigo por falta de execución municipal

25/09/2026

A Deputación aproba a ampliación do convenio con Vigo para garantir os 2,6 millóns de euros destinados ao macroparque de Finca Matías

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe na Xunta de Goberno a addenda para ampliar o convenio co Concello de Vigo para a construción do macroparque de xogos da Finca Matías, unha actuación que conta cun investimento provincial de 2,58 millóns de euros. A ampliación estende a vixencia do convenio ata o 30 de setembro de 2027, garantindo así que a cidade poida manter os fondos provinciais comprometidos para este proxecto. O presidente da Deputación, Luis López, explicou que esta aprobación permite dar continuidade a un proxecto que, pola demora na súa tramitación, estaba en risco de perder o financiamento provincial.

“Hoxe damos un paso máis para que Vigo non perda os fondos que a Deputación tiña comprometidos para o macroparque da Finca Matías. Estamos a falar de preto de 2,6 millóns de euros de fondos provinciais que van destinados a unha actuación importante para a cidade e, especialmente, para a veciñanza deste barrio”, sinalou o presidente. A ampliación do convenio foi impulsada pola vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, e chega despois de que os servizos técnicos provinciais considerasen motivada a solicitude presentada polo Concello e da posterior emisión do informe favorable pola comisión de seguimento.

“Non é a primeira vez que temos que actuar para evitar que Vigo perda fondos provinciais por falta de execución. Desde a chegada deste Goberno á Deputación, e grazas ao traballo da vicepresidenta Luisa Sánchez, conseguimos evitar a perda de 8,7 millóns de euros destinados á cidade a través de diferentes convenios”, destacou. O presidente provincial reivindicou, neste sentido, o compromiso da Deputación cos 61 concellos da provincia, con independencia do seu tamaño ou da súa situación. “Quero deixar algo claro: nós estamos aí para os 61 concellos da provincia. Estamos para atraer investimentos, para impulsar melloras para a veciñanza e tamén para evitar que se perdan fondos que xa estaban comprometido”, afirmou López.

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.