A Deputación aproba a ampliación da duración do programa Erasmus+ 2025, que se desenvolverá ata maio de 2027
A previsión é que beneficie a 75 persoas e, neste momento, 15 estudantes de FP están desfrutando das súas estadías en Italia, Irlanda e Malta
19/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou da aprobación en Xunta de Goberno da ampliación da duración do proxecto Erasmus+ 2025, que ten o obxectivo de completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea. Desta maneira, o programa pasa de durar 15 a 24 meses, rematando o 31 de maio de 2027. “Queremos que a nosa mocidade sexa a mellor preparada da historia, teña o maior coñecemento posible para poder facer fronte aos retos do futuro e aprenda no estranxeiro para volver despois e poñer o seu talento á disposición da nosa provincia”, asegurou López.
A Deputación de Pontevedra está a investir neste proxecto un total de 930.000 euros, dos que 730.000 euros proceden dunha axuda do SEPIE e, os 200.000 euros restantes, de fondos propios da Deputación. Grazas a estes recursos, alumnos de FP realizarán as súas estadías no estranxeiro e docentes e persoal de FP realizan mobilidades de aprendizaxe por observación. Un total de 75 persoas beneficiaranse desta edición do programa. Delas, 6 xa están de volta despois de desfrutar de estadías en Finlandia, Italia e Malta, 15 están ata o mes de agosto en Italia, Irlanda e Malta, e proximamente sairán un alumno e un docente a Bélxica e Irlanda.
Para a xestión desta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten un consorcio de mobilidade formado por 43 centros de 24 concellos da provincia que poden ofrecer ao seu alumnado a posibilidade de realizar estes períodos de prácticas no estranxeiro. Despois de que os centros seleccionen os alumnos, a Deputación de Pontevedra é a encargada das xestións relativas ás mobilidades, facéndose cargo dos trámites relativos á busca de empresas de acollida, á tramitación das bolsas ou á contratación dos seguros.
