A Deputación destina 600.000 euros para que máis dun cento de entidades sen ánimo de lucro da provincia realicen actuacións no ámbito social

O vicepresidente Rafa Domínguez sinalou que coas axudas, que oscilan entre os 1.400 e os 7.000 euros, os colectivos farán fronte a “accións que contribúen a facer de Pontevedra unha provincia máis igualitaria e máis xusta”

28/08/2026

A Deputación destina 600.000 euros para que máis dun cento de entidades sen ánimo de lucro da provincia realicen actuacións no ámbito social

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o reparto de 600.000 euros para que un total de 119 entidades sen ánimo de lucro situadas en 22 concellos da provincia poidan impulsar actuacións no ámbito social. En total, as axudas oscilan entre os 1.400 e os 7.000 euros, e con esas axudas o goberno provincial “busca fomentar iniciativas que melloren a calidade de vida e a integración das persoas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade”.

Entre os proxectos financiados destacan proxectos de, tal como sinalou o vicepresidente, “innovación terapéutica, integración laboral para mulleres, estimulación cognitiva e psicomotriz, apoio a mulleres migrantes e familias en situación de risco de exclusión, programas de activación física ou de atención a necesidades de atención primaria”, co obxectivo de “contribuír a facer de Pontevedra unha provincia máis igualitaria e máis xusta”.

En Deza e Tabeirós-Terra de Montes recibirán 38.000 € colectivos da Estrada e Lalín, no Morrazo repartiranse 40.000 € entre colectivos de Bueu, Cangas de Morrazo e Marín, na área do Salnés e Arousa benefícianse colectivos de Sanxenxo, Valga e Vilagarcía de Arousa cun reparto de 51.000 euros, na comarca de Pontevedra as axudas chegan a colectivos da Lama e Pontevedra cun total de 81.000 € (77.000 € tan só na cidade) e, nas comarcas do sur da provincia, o reparto chegará a colectivos de 12 concellos (Crecente, A Guarda, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui e Vigo) cun reparto de 390.000 euros, cun impacto de 270.000 € na cidade de Vigo.

As axudas conta este ano cun orzamento 100.000 euros superior ao da anterior convocatoria, co obxectivo de apoiar as entidades que impulsen proxectos sociais dirixidos a persoas en situacións de ricos ou vulnerabilidade social. A Deputación financia proxectos, programas e actividades de promoción e inserción social, de prestación de servizos sociais e que persigan un interese social na procura da mellora da calidade de vida das persoas que pertenzan a colectivos que se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas.

Para poder resultar beneficiarias das axudas, as entidades entregaron cadanseu proxecto detallando os obxectivos, o ámbito de actuación e número de persoas beneficiarias, a metodoloxía empregada para desenvolver o proxecto, o cronograma da actuación, unha relación dos recursos humanos, materiais e financeiros que garantan a súa viabilidade, unha avaliación do impacto social estimado e un plan de difusión. Cada unha podía recibir un máximo de 8.000 euros (1.000 máis que no ano 2025) ou o 80% do orzamento.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 13 resultados.