A Deputación concede 200.000 € a nove concellos da provincia para impulsar e mellorar os seus Servizos de Normalización Lingüística

Mos recibirá 35.000 € para crear o seu, mentres que á Caniza, A Estrada, Moaña, Mos, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Valga e Vilagarcía de Arousa se lles concede 20.000 euros para o mantemento dos seus servizos

24/04/2026

A Deputación concede 200.000 € a nove concellos da provincia para impulsar e mellorar os seus Servizos de Normalización Lingüística

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres da aprobación da concesión de 200.000 euros no marco das axudas destinadas aos Servizos de Normalización Lingüística das entidades locais da provincia. O presidente lembrou que “a nosa lingua é algo que me preocupa especialmente como galego, como galegofalante e como delegado das competencias en Lingua desta administración”, e deu conta da relación dos nove concellos da provincia que recibirán estas axudas.

Os concellos da Caniza, A Estrada, Moaña, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Valga e Vilagarcía de Arousa recibirán unha achega de 20.625 euros cada un no marco da primeira liña das axudas, destinada ao mantemento de SNL xa existentes (cun máximo de 25.000 €). Mos recibirá un total de 35.000 €, o máximo no marco da segunda liña da convocatoria, para a creación destes servizos e que ten ademais carácter prioritario no reparto. Luis López lembrou que os recursos servirán para “subvencionar os gastos de persoal, ata o 100% no caso da creación e ata o 80% no de mantemento”, sempre que non superen os importes máximos.

Esta liña de axudas busca consolidar o uso do galego como principal lingua de traballo e de comunicación no mundo local, tanto no ámbito da administración como en todos os sectores do territorio, para así incrementar o seu uso e prestixio. “Seguimos traballando para impulsar o galego en todas as esferas, especialmente entre as novas xeracións para que este patrimonio de valor incalculable non se perda”, sinalou Luis López, que tamén asegurou que “precisamos todo o apoio da sociedade, e contamos cos mellores aliados: os concellos desta provincia extraordinaria”.

videos

audios