Luis López anuncia que a Deputación destina 1,8 millóns de euros á mellora de dúas estradas en Portas e Moraña
A institución provincial aprobou o proxecto de mellora da EP-8004 Caldas de Reis-Vilanoviña, en Portas, cun orzamento de 540.000 euros, e adxudicou as obras na EP-0503 Mané-Rebón, en Moraña, por 1,2 millóns de euros
15/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno da institución provincial deu luz verde a 1,8 millóns de euros para actuacións en dúas estradas provinciais en Portas e Moraña. En concreto, aprobouse o proxecto para a mellora da drenaxe e a seguridade viaria na EP-8004 Caldas de Reis – Vilanoviña, no treito antigo da Azucreira, no Concello de Portas, cun orzamento de 540.000 euros, e adxudicouse por 1,2 millóns a obra de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-0503 Mané-Rebón, en Moraña. “Como cada semana, actuacións vitais para seguir mellorando a rede viaria provincial, facéndoa máis segura para todos os usuarios e reforzando a súa seguridade para futuras eventualidades”, confirmou o presidente provincial.
En concreto, a actuación proxectada na EP-8004 Caldas de Reis-Vilanoviña, no treito antigo da estrada da Azucreira permitirá mellorar a drenaxe e reforzar a seguridade viaria ao longo de 850 metros nos que actualmente existen importantes deficiencias nas canalizacións e elementos de recollida de augas, que provocan desbordamentos durante o inverno. As obras inclúen a renovación das tubaxes soterradas, a substitución dunha cuneta profunda que supuña un risco para a circulación, a instalación de novos sumidoiros para a evacuación das augas pluviais, a pavimentación das sendas, a mellora do firme e a colocación de nova sinalización horizontal e vertical. Ademais, actuarase nun punto estreito da vía situado nunha ponte, onde se renovarán as barreiras de seguridade para incrementar a protección das persoas usuarias da estrada.
Pola súa banda, na estrada de Mané a Rebón actuarase nun tramo de 1,3 quilómetros, no que se contempla unha renovación integral do firme. Ademais o proxecto contempla a mellora da funcionalidade e a seguranza viaria da estrada mediante a ampliación da sección transversal da vía e a corrección do trazado de diversas curvas, incrementando o seu raio e mantendo a rasante actual da estrada. Desta maneira, proxéctase unha nova sección transversal da vía de 7,00 metros de ancho, con carrís de 3,00 metros e beiravías de 0,50 metros, mellorando así a seguranza viaria tanto para os vehículos como para os peóns que queiran utilizar as beiravías da estrada.
