A Deputación aproba o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada que vai de Moraña a Couso, cun orzamento de preto de 265.000 euros

A actuación permitirá ampliar a plataforma da estrada, renovar o firme e a drenaxe e reforzar as medidas de protección para ofrecer unha vía máis segura e funcional

31/07/2026

A Deputación aproba o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada que vai de Moraña a Couso, cun orzamento de preto de 265.000 euros

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno o proxecto da mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-8201 Moraña - Santa Xusta - Couso, no concello de Moraña. A actuación desenvolverase nun tramo de 240 entre Moraña e Santa Xusta que presenta problemas de seguridade debido á escaseza de espazo para o tránsito de vehículos e peóns.

O proxecto contempla unha intervención integral coa que se ampliará a plataforma da estrada para gañar espazo e mellorar as condicións de circulación. Para facelo posible será preciso executar novos muros de contención en pedra, que substituirán os existentes e garantirán a estabilidade da vía. Ademais, renovarase completamente a rede de recollida de augas pluviais mediante a instalación de novas tubaxes soterradas e arquetas sumidoiro, así como dunha cuneta de seguridade de formigón que favorecerá unha correcta drenaxe da auga e contribuirá á conservación da estrada.

As obras tamén inclúen a execución dun novo firme nas zonas de ampliación da plataforma e a renovación da capa de rodaxe en todo o tramo de actuación. A intervención completarase coa instalación de novas barreiras de seguridade e coa renovación da sinalización horizontal e vertical, adaptándoa ás necesidades da vía. Unha vez rematados estes traballos, procederase á reposición dos servizos afectados durante a execución da obra, entre eles as redes de subministración eléctrica, telecomunicacións e abastecemento e saneamento, así como á limpeza e posta a punto da contorna.

O presidente da Deputación, Luis López, sinalou que se trata “dunha actuación integral que nos permitirá transformar este tramo da estrada nun espazo máis seguro, cómodo e mellor preparado para as necesidades actuais da veciñanza e dos usuarios da vía”.

audios