A Deputación avanza nas obras de mellora da EP-8201 Moraña - Santa Xusta - Couso e na EP-8004 Caldas de Reis – Vilanoviña, en Portas, ás que destina preto de 800.000 €

Luis López anuncia a aprobación do expediente de contratación da actuación no tramo de Moraña a Santa Xusta por 265.000 € e a adxudicación das obras no treito da antiga Azucreira por 520.000 €

04/09/2026

A Deputación avanza nas obras de mellora da EP-8201 Moraña - Santa Xusta - Couso e na EP-8004 Caldas de Reis – Vilanoviña, en Portas, ás que destina preto de 800.000 €

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou novos avances en dous actuacións noutras tantas estradas provinciais nos concellos de Moraña e Portas, que mobilizan en total preto de 800.000 euros. EN concreto, trátase da aprobación do expediente da mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-8201 Moraña - Santa Xusta - Couso, no concello de Moraña, concretamente nun tramo de 240 entre Moraña e Santa Xusta, e que conta cun orzamento de 265.000 €, e da adxudicación por 520.000 € das obras de mellora no treito antigo da Azucreira da EP-8004 Caldas de Reis – Vilanoviña, en Portas

Máis polo miúdo, as obras da EP-8201 Moraña – Santa Xusta – Couso contemplan unha intervención integral coa que se ampliará a plataforma da estrada para gañar espazo e mellorar as condicións de circulación. Para facelo posible será preciso executar novos muros de contención en pedra, que substituirán os existentes e garantirán a estabilidade da vía. Ademais, renovarase completamente a rede de recollida de augas pluviais mediante a instalación de novas tubaxes soterradas e arquetas sumidoiro, así como dunha cuneta de seguridade de formigón que favorecerá unha correcta drenaxe da auga e contribuirá á conservación da estrada.

As obras tamén inclúen a execución dun novo firme nas zonas de ampliación da plataforma e a renovación da capa de rodaxe en todo o tramo de actuación. A intervención completarase coa instalación de novas barreiras de seguridade e coa renovación da sinalización horizontal e vertical, adaptándoa ás necesidades da vía. Unha vez rematados estes traballos, procederase á reposición dos servizos afectados durante a execución da obra, entre eles as redes de subministración eléctrica, telecomunicacións e abastecemento e saneamento, así como á limpeza e posta a punto da contorna. “E outra das actuacións demandadas historicamente por Moraña, necesaria e que vimos de dar cumprimento”, asegurou o presidente provincial, ao tempo que confirmou que “recentemente se puxeron en marcha as obras da estrada de Mané a Rebón, outra reclamación histórica que bloqueou o bipartito por sectarismo político”.

Pola súa banda, a actuación proxectada na EP-8004 Caldas de Reis-Vilanoviña, no treito antigo da estrada da Azucreira permitirá mellorar a drenaxe e reforzar a seguridade viaria ao longo de 850 metros nos que actualmente existen importantes deficiencias nas canalizacións e elementos de recollida de augas, que provocan desbordamentos durante o inverno. As obras inclúen a renovación das tubaxes soterradas, a substitución dunha cuneta profunda que supuña un risco para a circulación, a instalación de novos sumidoiros para a evacuación das augas pluviais, a pavimentación das sendas, a mellora do firme e a colocación de nova sinalización horizontal e vertical.

O presidente Luis López sinalou que esta aprobación forma parte dun paquete de “catro cuestións relacionadas coa modernización e mellora para outras tantas estradas provinciais de tres concellos, que suman 1,65 millóns de euros”, aprobadas na Xunta de Goberno desta semana. Ademais destas actuacións, tamén se avanzou noutras relacionadas con estradas provinciais en Valga. “É proba de que non paramos de traballar, e de que seguimos investindo recursos como nunca antes se fixera para alongar a súa vida e garantir a súa seguridade”.

audios