A Deputación aproba destinar 860.000 euros do Plan +Provincia para os concellos da Guarda, Nigrán e Soutomaior

A Guarda contará con 150.000 € que lle permitirán substituír a cuberta e dotar de mobiliario á antiga escola de San Lorenzo, Nigrán con más de 185.000 € para renovar as luminarias en diferentes lugares do concello e Soutomaior con 520.000 € para a humanización da rúa Foneira, en Arcade

25/09/2026

A Deputación aproba destinar 860.000 euros do Plan +Provincia para os concellos da Guarda, Nigrán e Soutomaior

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno tres achegas por valor de preto de 860.000 euros para os concellos da Guarda, Nigrán e Soutomaior no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que A Guarda contará con 150.000 € que lle permitirán substituír a cuberta e dotar de mobiliario á antiga escola de San Lorenzo, Nigrán con más de 185.000 € para renovar as luminarias en diferentes lugares do concello e Soutomaior con 520.000 € para a humanización da rúa Foneira, en Arcade.

Máis polo miúdo, A Guarda acondicionará de maneira integral o edificio da antiga escola unitaria de San Lorenzo. Desta maneira, procederase a substituír a cuberta existente e mellora do illamento, sendo as carpinterías substituídas por outras de maior eficiencia enerxética. Ademais, reorganizarase o espazo interior para favorecer o seu uso. Mellorarase a accesibilidade mediante o mantemento da rampla existente e a abertura dun novo oco no muro de pedra interior para conectar diferentes zonas de actividade, executaranse melloras no drenaxe exterior e tratamentos para eliminar patoloxías ou, entre outras actuacións, eliminarase un acceso na fachada norte.

No caso de Nigrán as actuacións desenvolvidas teñen por obxecto a mellora da eficiencia da iluminación pública en varios lugares concello. A actuacións para realizar concrétanse na retirada de 626 luminarias e 30 brazos de suxeición, a subministración e instalación de 30 novos brazos de suxeición e de 626 novas luminarias LED, o reforzo das liñas de terra para contribuír a unha maior seguridade eléctrica e o resto de actuacións necesarias para adaptar os cadros ao vixente regulamento. Por último, o Concello de Soutomaior creará unha gran zona de coexistencia na rúa da Forneira restrinxindo o tráfico a residentes e servizos e instalando unha plataforma única con preferencia peonil, suprimindo ademais barreiras arquitectónicas e garantindo a accesibilidade universal.

“Seguimos desta maneira, como todas as semanas, avanzando no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial.

audios