A Deputación aproba preto de 900.000 euros do Plan +Provincia para novos investimentos en seis concellos

As Neves, Arbo, A Lama e Salvaterra de Miño dedican os seus recursos á mellora e repavimentación de vías e camiños municipais

28/08/2026

A Deputación aproba preto de 900.000 euros do Plan +Provincia para novos investimentos en seis concellos

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno seis achegas por valor de preto de 900.000 euros para os concellos de Arbo, A Lama, Lalín, As Neves, Salvaterra de Miño e Tui no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, anunciou que os concellos de Arbo, A Lama, As Neves e Salvaterra de Miño dedicará cadansúa achega á repavimentación e mellora de vías e camiños municipais, mentres que Tui dedicará os recursos ao saneamento no lugar de Sardadiñas (Rebordáns) e Lalín ao financiamento de diversas actividades culturais.

As Neves recibirá 68.000 € para a repavimentación e mellora dos camiños de Cerdeira (na parroquia de San Xoán de Cerdeira) e do Viso (na parroquia de Santa Eulalia de Batalláns), xa que o seu estado actual precisa actuar para incrementar a súa seguridade. Manterase a configuración actual dos camiños (400 metros en Cerdeira e 55 no Viso) con actuacións de limpeza e roza, fresado, regularización do pavimento e extensión dunha nova capa de rodadura, rematando co pintado das marcas viarias.

Tui dedicará 72.000 € ao saneamento no lugar de Sardadiñas, en Rebordáns, que actualmente carece deste servizo. Funcionará por gravidade e o colector deberá atravesar parcelas privadas, co resto do percorrido discorrendo por vía pública, e deberase formigonar a tubaxe na parte do trazado que se sitúa na zona de protección da canle dun regacho. Instalaranse tubaxes de PVC e drenaxe no fondo da gabia (gran parte do trazado discorre baixo o nivel freático), reporanse o firme e os servizos afectados e inclúense acometidas domiciliarias, así como colocación das tapas de pozos e arquetas.

Arbo recibirá unha axuda de 120.000 € do Plan +Provincia para a mellora dunha vía municipal en Cabeiras, concretamente no sur do campo da festa do núcleo da Igrexa. O obxectivo da actuación é amplialo mediante o recuamento do muro existente para mellorar a zona paisaxística e funcionalmente. Esta actuación corrixirá as deficiencias funcionais actuais do trazado, mantendo a plataforma compartida ao longo de todo o percorrido, e xerando ou mellorando os espazos accesibles e con prioridade peonil.

A Lama dedicará 136.000 € á mellora de catro camiños municipais en Breixiña, Cornide e O Peso. En Breixiña actuarase no camiño da Fontecova, coa preparación da base para o pavimento da zona ancheada, a execución dunha nova capa de rodaxe, a instalación dun sinal de stop tanto horizontal como vertical e a posta a cota das tapas de pozos e sumidoiros. Tamén en Breixiña, no camiño interior procederase á reparación dunha cuneta na marxe dereita sur e a formación dunha nova nun tramo actualmente en terra, ou a execución de canles de recollida das baixantes de augas pluviais de edificacións situadas na zona. Tamén se executará un novo firme e se instalará un sinal horizontal de stop.

No Peso executarase un novo firme e inverterase a pendente transversal dun tramo mediante o fresado de medio carril, construirase unha cuneta de formigón e executaranse dous redutores físicos de velocidade. Na zona do lavadoiro, ademais, executarase un novo pavimento e instalarase unha varanda de protección. No camiño de Antas, en Cornide, actualmente de terra, pavimentarase aportando saburra compactada e demolerase un pequeno tramo de formigón ao inicio. Instalaranse dúas canaletas, pavimentarase cunha capa de formigón armado con árido á vista, e nun tramo formarase unha cuneta contra un muro de contención.

Lalín dedicará 211.000 € a financiar actividades culturais vinculadas ás súas festas, como a contratación de actuacións de grupos musicais, orquestras, DJ ou charangas, a celebración dun festival de bandas de gaitas ou a contratación de infraestruturas e servizos audiovisuais.

Por último, Salvaterra de Miño dedicará 259.000 € á mellora do firme dun total de 11 camiños municipais cun alto índice de uso e un estado de deterioración avanzado. O obxectivo é corrixir o esgotamento do firme, consolidar os tramos en terra e solucionar a evacuación das augas pluviais. As obras inclúen a execución dunha nova capa de rodadura mediante mestura bituminosa en quente, a dotación de base de saburra artificial compactada nos tramos e ensanches que actualmente están en terra, a posta a cota de tapas e rexistros, e a execución de melloras na drenaxe superficial. Os traballos executaranse en 11 puntos de sete parroquias da localidade: Vilacoba (Fraga do Rei), Arantei (Carrilla e dous camiños de Rúa Nova), Meder (Pazos), Leirado (Barral, San Prins e Currás), Alxén (Grixó), Oleiros (Pedrafurada) e Fornelos (Casco).

“Con esta nova inxección de 865.000 €”, sinalou o vicepresidente Rafa Domínguez, “seguimos demostrando a utilidade do plan estrela de cooperación cos municipios da Deputación, ese Plan +Provincia 2026-2027 dotado de 85 millóns de € que é o que permite aos concellos facer realidade os seus grandes proxectos, as súas prioridades para cada anualidade e, en definitiva, mellorar a calidade de vida da súa veciñanza”.

Galerias de imagenes

audios