A Deputación aproba máis de 65.000 € do Plan +Provincia para a mellora da contorna da rúa Matilde Bares, en Bueu
O concello desenvolverá ampliación do servizo de saneamento de augas pluviais, a mellora da pavimentación e do camiño e a instalación de mobiliario urbano
11/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou este venres a aprobación dunha nova axuda de algo máis de 65.000 € para o Concello de Bueu no marco do Plan +Provincia 2026-2027, grazas aos cales acondicionará o espazo público e o camiño IVBU-026, nas inmediacións da rúa Matilde Bares.
Máis polo miúdo, este proxecto contempla a ampliación do saneamento de augas pluviais, a mellora do pavimento e a instalación de mobiliario urbano nas inmediacións da Rúa Matilde Bares. Os traballos iniciaranse coa limpeza das marxes, a demolición do formigón deteriorado e de tres chanzos do camiño, así como os movementos de terras necesarios para a explanación. A seguir, instalarase unha canalización de recollida de augas pluviais e acondicionarase a base mediante o estendido e compactado de xabre para salvar os desniveis. Posteriormente, aplicarase un pavimento continuo de formigón armado que se rematará con pintura epoxi, sinalización viaria e a colocación de bancos, xardineiras e bitas para delimitar o espazo peonil do tráfico rodado.
“Seguimos desta maneira, como todas as semanas, avanzando no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial.
