A Deputación aproba 950.000 euros do Plan +Provincia para os concellos de Sanxenxo e Bueu

Sanxenxo recibe máis de 240.000 euros para a adecuación de parques infantís, mentres que Bueu contará con 715.000 euros para a urbanización da avenida Pazos Fontenla

13/11/2026

A Deputación aproba 950.000 euros do Plan +Provincia para os concellos de Sanxenxo e Bueu

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno achegas por valor de 950.000 euros para os concellos de Sanxenxo e Bueu no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Sanxenxo recibe máis de 240.000 euros para a adecuación de parques infantís, mentres que Bueu contará con 715.000 euros para a urbanización da avenida Pazos Fontenla.

Desta maneira, en Sanxenxo renovaranse os parques de Areas, Outeiro (Bordóns), O Vicaño, Miraflores, Campo de San Roque, Urbanización SEAME I-II, Praza Pública de Adina, Campo da Festa de Arra, Soutullo Urbanización, Salgueira, Xuncabranca, Capela de Gondar e Nantes-Urbanización. As intervencións contemplan a renovación dos pavimentos de céspede, a instalación e substitución de xogos infantís, como torres multixogos, randeeiras, tobogáns e elementos de xogo dinámico, así como a mellora do mobiliario urbano, coa incorporación de bancos, papeleiras, valados e carteis informativos. Tamén se realizarán traballos de nivelación de terreos, acondicionamento de plataformas, consolidación de sendas e renovación da iluminación.

Pola súa banda, o Concello de Bueu levará a cabo a renovación integral da rúa Pazos Fontenla coa modernización dos servizos urbanos, a renovación das redes de abastecemento, saneamento e drenaxe de pluviais, a mellora do alumeado público e o soterramento das telecomunicacións, así como a renovación completa dos pavimentos e a reorganización do espazo viario. A nova configuración manterá dous carrís de circulación nun único sentido e garantirá beirarrúas de polo menos 1,8 metros. A actuación incorporará tamén solucións sostibles baseadas na natureza, como pavimentos filtrantes e alcorques drenantes. Ademais, incluirá a plantación de árbores, arbustos e céspede, a instalación de novo mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e aparcabicis e a renovación da sinalización horizontal e vertical.

audios