A Deputación aproba 200.000 euros para que Cangas de Morrazo renove o abastecemento e saneamento na rúa Noria

Trátase de fondos do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal

31/07/2026

A Deputación aproba 200.000 euros para que Cangas de Morrazo renove o abastecemento e saneamento na rúa Noria

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este venres 200.000 euros para Cangas de Morrazo afronte a renovación do abastecemento e saneamento na rúa Noria no marco do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal.

En concreto, o proxecto da rúa Noria contempla a substitución total da rede de saneamento, a instalación dunha nova liña de abastecementos de maior sección, a ampliación da rede de pluviais e a posterior repavimentación asfáltica e sinalización da rúa Noria. Máis polo miúdo, substituirase un colector obsoleto por unha nova tubaxe e refaranse e conectaranse correctamente todas as acometidas dos edificios de ambas marxes. Ademais, instalarase unha nova liña de auga potable con maior sección, deseñada para permitir un correcto anelado coas rúas transversais e incrementarase a rede de pluviais actual executando un novo tramo de conexión entre a rúa Atranco e o camiño de Reboredo. Por último, procederase ao asfaltado completo da calzada, seguido do repintado xeral da sinalización horizontal.

“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.