A Deputación aproba preto de 1,8 M€ do Plan +Provincia para que Forcarei renove o pavimento da rúa Meixueiro e Lalín mellore diferentes camiños
Trátase de fondos do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal
31/07/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno sete achegas por valor de preto de 1,8 millóns euros para os concellos de Forcarei e Lalin no marco do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Forcarei contará con máis de 80.000 € para renovar o pavimento na rúa do Meixueiro, en Soutelo de Montes, e Lalín con máis de 1,7 M € para mellorar camiños nas áreas parroquiais.
Máis polo miúdo, en Forcarei o proxecto na rúa do Meixueiro, en Soutelo de Montes, consiste na renovación do pavimento asfáltico deteriorado e das marxes en terra para crear unha plataforma única sinalizada como rúa residencial con prioridade peonil. A intervención inclúe a demolición do firme actual, escavación, colocación dunha base granular e execución dun novo pavimento de formigón cunha banda de adoquín e acabado táctil para delimitar o itinerario accesible, complementándose con nova sinalización vertical e horizontal de tráfico.
Pola súa parte, en Lalín o proxecto busca mellorar e acondicionar os accesos viarios en diversos núcleos e lugares, tales como Villaflores, Lodeiro, O Outeiro-Anzuxao, Bendoiro, Amboade, O Souto, Alemparte, A Devesa de Arriba, Quintela, Vilameá, Regufe, Botos, Pareizo, A Grela, Méixome, Vilar do Xistal, Moneixas, Palio, Santiso do Fondo, A Veiga, Alfonselle, Lalín de Arriba, O Campo, Gondufe ou Vilanova, co fin de garantir a seguridade e a debida prestación do servizo público viario. Para iso, proxéctanse actuacións que inclúen a extensión de aglomerado asfáltico en quente e pavimentacións de formigón armado noutros treitos, xunto coa limpeza de cunetas nas marxes, o perfilado de taludes, a execución de drenaxes transversais, o revestimento de cunetas e o repintado da sinalización viaria.
“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.
