A Deputación inxecta preto de 400.000 € do Plan +Provincia en Fornelos de Montes e Mos
Fornelos de Montes destinará preto de 260.000 € para o acondicionamento de camiños en Calvos e Soutosico
07/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou este venres a inxección de preto de 400.000 euros en dúas achegas do Plan +Provincia 2026-2027 para os concellos de Fornelos de Montes e Mos.
Fornelos de Montes recibirá preto de 260.000 € para o acondicionamento, mediante a mellora da pavimentación e da drenaxe, da Estrada de Alén Dabaixo, en Calvos, e o Camiño Grande, en Soutosico. Executarase unha nova pavimentación con mestura bituminosa en quente, instalarase un sistema de canalización e recollida de augas pluviais, e tamén se realizarán ensanches cun muro de formigón de perpiaño e formigón, no camiño de Calvos, e peche de perpiaño no de Soutosico. Ademais, renovarase a sinalización horizontal e vertical e instalarase un espello para a mellora da visibilidade en Calvos.
A Deputación tamén aprobou preto de 130.000 € para Mos, que destinará os recursos á ampliación do parque multiocio da Pesqueira, co que gañará arredor de 5.00 m2 ata chegar a unha superficie de máis de 8.000 m2. O proxecto inclúe o acondicionamento do terreo, a creación de soleiras de formigón para as instalacións dos elementos de ocio e a colocación destes, ademais de elementos de xardinaría. O parque contará cun cinco zonas diferenciadas: unha para a práctica do skate, un parque infantil, un parque de auga, unha zona de descanso e un rocódromo. A actuación xa recibiu anteriormente outra achega da Deputación, no marco do Plan +Provincia 2025, de 125.000 euros.
“Avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou o presidente Luis López, que lembrou que os concellos teñen “total autonomía para facer realidade as súas prioridades”.