A Deputación aproba 1,2 millóns de euros do Plan +Provincia para os concellos de Mondariz Balneario, Ponteareas, O Porriño e Tomiño
Ponteareas recibe 87.000 € para a conservación e pavimentación de camiños municipais, Mondariz Balneario case 100.000 € para a renovación e mellora da eficiencia enerxética na avenida Enrique Peinador, O Porriño 145.000 € para a mellora da contorna do local social do Casal-Budiño e 305.000 € para acondicionar 10 instalacións deportivas e Tomiño 570.000 € para o plan municipal de mellora de camiños nas parroquias
11/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou este venres a aprobación axudas por un total de 1,2 millóns de euros para os concellos de Mondariz Balneario, Ponteareas, O Porriño e Tomiño no marco do Plan +Provincia 2026-2027. En concreto, Ponteareas recibe 87.000 € para a conservación e pavimentación de camiños municipais, Mondariz Balneario case 100.000 € para a renovación e mellora da eficiencia enerxética na avenida Enrique Peinador, O Porriño 145.000 € para a mellor ada contorna do local social do Casal-Budiño e 305.000 € para acondicionar 10 instalacións deportivas e Tomiño 570.000 € para o plan municipal de mellora de camiños nas parroquias
Máis polo miúdo, Ponteareas mellorará a capa de rodaxe e a sinalización horizontal existente nos camiños Canedo – O Barral, en Angoares – As Searas, no camiño Hondo e, ademais, procederá á conservación e mantemento da N-120. Tomiño tamén vai proceder á mellora e á pavimentación de camiños municipais, neste caso en 25 tramos localizados en 10 parroquias: En Goián, nun camiño en Tollo; en Figueiró, en camiños en Regueiriña e CentinelaM en Tomiño, en Vilardematos, Pazos, Barro e A Pedra; en Forcadela, en camiños en Cruceiro, na Ponte e en Solleiro; en Amorín, en camiños en Carregal de Arriba, en Arrotea e en Outeiro; en Taboarda, nun camiño en Tomada; en Sobrada, en tres camiños en Aldea e outro en Portela; en Barrantes, en vías de Freixoal, Mosteiro e Luneda, en Vilameán, en camiños no Castro e no Ra, e, por último, en San Salvador de Tebra, en dous camiños en Casal.
No caso de Mondariz Balneario, a actuación abrangue a substitución das luminarias actuais por outras con tecnoloxía LED de alta eficiencia e baixo consumo enerxético, adecuando ademais a distribución dos puntos de luz. Con isto conseguirase solucionar os problemas de falta de iluminación en tramos onde na actualidade os puntos están situados a unha distancia superior aos 40 metros. A luz tamén se reforzará en cruzamentos ou tramos de xeometría irregular, que requiren unhas mellores condicións de visibilidade e seguridade viaria. Por último, adecuaranse os soportes, canalizacións e demais elementos da instalación, en función das necesidades derivadas da nova disposición das luminarias.
Por último, O Porriño contará con recursos do +Provincia para dous proxectos. Por unha banda, procederá á mellora da contorna do local social do Casal-Budiño, concretamente no ámbito situado fronte á capela de San Antonio e xunto á estrada EP-2405. A actuación divide a zona en catro grandes espazos: a reforma dun viario municipal con pavimento de formigón coloreado e entronque de granito para delimitar o tráfico nun único percorrido de dobre sentido; a creación dun parque infantil e unha nova área peonil; a renovación da pavimentación da pista deportiva cun axardinado perimetral; e o acondicionamento do resto da superficie como zona peonil e aparcamento delimitado. Por último, o proxecto inclúe o arranxo e pintado do palco da música e a execución dunha área verde protexida arredor do cruceiro para mellorar a súa seguridade e visibilidade fronte ao tráfico.
Ademais, O Porriño procederá á limpeza, reparación e mellora das seguintes instalacións deportivas: a pista de baloncesto 3x3 de Lamazares, a pista de tenis da rúa Fernández Areal, as pistas deportivas da Guía Atios, do Centro Cultural Orbenlle, do Centro Cultural Cerquido, da Forna e de Mosteiro, as pistas de tenis do Club Atletismo A Granxa, as pistas de fútbol Fase I parte dianteira, as pistas de baloncesto Fase I parte dianteira e as pistas de tenis e baloncesto 3x3 Parque Alba.
“Seguimos desta maneira, como todas as semanas, avanzando no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial.
