A Deputación aproba preto de 240.000 € do Plan +Provincia para a mellora de camiños en Vila de Cruces

O concello realizará actuacións en preto dunha decena de camiños de titularidade municipal co fin de mellorar a súa capa de rodadura

08/08/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou este venres a aprobación dunha nova axuda de preto de 240.000 € para o Concello de Vila de Cruces no marco do Plan +Provincia 2026-2027, grazas aos cales levará a cabo preto dunha decena de actuacións de mellora da capa de rodadura de camiños de titularidade municipal.

Os traballos consistirán na limpeza das cunetas e a plataforma dos camiños, o bacheo e a construción de firmes de mestura bituminosa, así como a pavimentación dos sobreanchos e os entronques existentes. Actuarase nos camiños dos Camanceiros (Camanzo), Pinlle (Brandariz), Guieral-Pinlle (Camanzo e Brandariz), Combarro (Piloño), Cerdeiriñas (Piloño, O Abollo (Carbia), A Pena (Carbia, incluíndo a explanada do local social e un ramal), Cobas (Carbia) e Barrio (Toiriz).

“Avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou o presidente Luis López, que lembrou que os concellos teñen “total autonomía para facer realidade as súas prioridades”.