A Deputación financiará integramente o proxecto de ensanche e acondicionamento dun treito de máis de tres quilómetros da estrada de Portas a Romai

Luis López informou dunha aprobación de recursos no marco do Plan +Provincia polos que Portas recibirá 277.000 € para afrontar a parte que lle corresponde no convenio para dotar a EP-8101 Portas-Romai de sendas peonís e zonas de convivencia

27/02/2026

A Deputación financiará integramente o proxecto de ensanche e acondicionamento dun treito de máis de tres quilómetros da estrada de Portas a Romai

. O presidente da Deputación de Pontevedra informou este venres da aprobación dunha nova achega para o Concello de Portas coa que a institución provincial pasa a financiar integramente o proxecto de ensanche e acondicionamento da estrada de Portas a Romai (EP-8101 Portas-Romai). A Xunta de Goberno provincial deu luz verde a unha axuda no marco do Plan +Provincia 2026-2027, polo que os 277.000 euros que lle correspondían ao Concello no marco do convenio de colaboración (o 20% do orzamento) serán asumidos con fondos provinciais. Deste xeito, a Deputación achega os 1,4 millóns de euros nos que está valorado o proxecto.

O presidente Luis López lembrou que “actuaremos en tres quilómetros da vía para, entre outros, construír unha senda peonil ata conectar coas beirarrúas de Romai e dúas zonas de convivencia” onde o ancho non permite as sendas. As obras proxectadas na EP-8101 Portas-Romai consistirán na ampliación da plataforma para converter espazos nos que non existen itinerarios peonís seguros en espazos accesibles. Na actualidade a estrada ten un ancho escaso, con estreitamentos puntuais, sen beiravías nin anchos practicables. Tamén se contempla a execución de muros de contención en zonas de desmonte, a execución dunha nova rede de pluviais, a mellora da sinalización e o retranqueo dos postos dos servizos afectados.

2,7 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno

Ademais desta achega no marco do Plan +Provincia 2026-2027 (que conta cun orzamento histórico de 85 millóns de euros), na sesión da Xunta de Goberno desta semana tamén se aprobou un paquete de medidas por un valor de 2,7 millóns de euros para actuar en estradas provinciais nos concellos de Campo Lameiro, Moraña e Silleda. “Unha semana máis contamos con máis e máis recursos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e para avanzar na seguridade dunhas infraestruturas imprescindibles e que deben estar nas mellores condicións”, sinalou Luis López.

audios