A Deputación aproba unha achega de 63.500 € do Plan +Provincia para que o Concello de Poio mellore o firme no Camiño da Escola de Combarro

A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobou esta semana destinar máis de 400.000 € para Covelo, Poio e Tomiño ao abeiro do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da Deputación, dotado con 85 millóns de €

27/03/2026

A Deputación aproba unha achega de 63.500 € do Plan +Provincia para que o Concello de Poio mellore o firme no Camiño da Escola de Combarro

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 63.500 € ao Concello de Poio para mellorar o firme no Camiño da Escola de Combarro. O presidente provincial Luis López confirmou que estes recursos forman parte dos máis de 400.000 € aprobados esta semana en Xunta de Goberno do organismo con destino, ademais de a Poio, a Covelo e Tomiño ao abeiro do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da Deputación, dotado con 85 millóns de €.

Cos recursos provinciais do Plan +Provincia o Concello de Poio vai levar a cabo os traballos de mellora e rehabilitación do firme do Camiño da Escola de Combarro mediante a ampliación da rede de evacuación de augas pluviais e o reasfaltado. Deste xeito, as obras contemplan demolicións e movementos de terra, con limpeza dos cordóns vexetais nas marxes.

Ademais, cortarase o firme existente, para aloxar as conducións de pluviais, e fresarase o camiño nos entroques, co fin de manter a mesma rasante do terreo. Tamén se executará unha cuneta remontable dun metro de anchura e disporanse de novos pozos de rexistro e sumidoiros. Completarase a actuación no Camiño da Escola de Combarro coa aplicación de novo firme.