A Deputación aproba dous proxecto para actuar en estradas provinciais de Mos, cun orzamento total de 2,2 millóns de euros

As obras desenvolveranse na EP-2601 Mos-Puxeiros, cun investimento de 1,5 millóns de euros, e na EP-2602 Peinador-Louredo, con 736.000 euros

13/03/2026

A Deputación aproba dous proxecto para actuar en estradas provinciais de Mos, cun orzamento total de 2,2 millóns de euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que este venres a Xunta de Goberno da institución aprobou dous proxecto para mellorar dúas estradas provinciais no Concello de Mos. Trátase das obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros, cun orzamento de 1,5 millóns euros dos que, a través dun convenio, a Deputación financia o 80%, é dicir, 1,2 millóns de euros, e do proxecto de reposición de firme na EP-2602 Peinador-Louredo, cun orzamento de 736.000 euros.

En concreto, na estrada que conecta Mos con Puxeiros o obxectivo deste proxecto é mellorar as características da estrada, así como as condicións de seguridade e mobilidade para peóns e vehículos á altura de Dornelas. Desta maneira, crearase un itinerario peonil duns 1.350 metros de lonxitude, cunha senda de formigón coloreado de 2,50 metros de ancho na marxe esquerda da vía. Tamén se procederá á pavimentación da calzada no treito da actuación, a renovación da rede de drenaxe e do alumeado público, a execución de elementos físicos de calmado de tráfico e a colocación de mobiliario urbano, entre outras.

No caso da EP-2602 Peinador-Louredo, actuarase nun treito de máis de 4.420 metros nos que se busca reforzar a seguridade viaria e o servizo público. Así, as obras incluirán o saneo e fresado do pavimento deteriorado, o estendido de novas capas de formigón bituminoso con betún mellorado e a mellora do sistema de drenaxe mediante a instalación de novas tubaxes, gabias e sumidoiros. O proxecto completarase coa renovación total da sinalización horizontal e vertical, así como coa instalación de novas barreiras de seguridade.

O presidente Luis López sinalou que esta obra de Mos forman parte dun paquete de “catro cuestións relacionadas coa modernización e mellora das estradas provinciais, que suman 2,9 millóns de euros”, aprobadas na Xunta de Goberno desta semana. Ademais desta actuación, tamén se aprobaron outras relacionadas con estradas provinciais da Cañiza, Tomiño, Gondomar e Baiona e Meaño. “Seguimos sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio”.

audios