A Deputación destina 260.000 € a que os concellos de menos de 20.000 habitantes fomenten a igualdade entre mulleres e homes

50 concellos benefícianse das axudas para poñer en marcha actuacións de atención integral ás vítimas de violencia de xénero, axuda a mulleres vulnerables ou apoio de espazos e actividades que permiten a conciliación das familias

29/05/2026

A Deputación destina 260.000 € a que os concellos de menos de 20.000 habitantes fomenten a igualdade entre mulleres e homes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres da aprobación na Xunta de Goberno do reparto das axudas para que os concellos de menos de 20.000 habitantes fomenten a igualdade, unha liña “coa que saben que poden contar todos os anos”, que en 2026 está dotada de 260.000 euros e da que se benefician neste exercicio un total de 50 concellos da provincia.

Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, os recursos chegarán aos concellos de Agolada, Dozón, Forcarei, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Na área de Arousa, benefícianse Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga e Vilanova de Arousa. Na zona de influencia de Pontevedra, reciben axudas Barro, Caldas de Reis, O Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade, Cuntis, A Lama, Moraña, Poio, Ponte Caldelas e Portas.

No caso do Morrazo, os beneficiarios son Bueu, Moaña e Vilaboa. Nas comarcas do sur da provincia (Vigo, O Baixo Miño, O Condado e A Paradanta) benefícianse Arbo, Baiona, A Caniza, Covelo, Crecente, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui.

Como adiantou o presidente da Deputación, “con este recursos van poder elaborar os seus plans de igualdade, mellorar a atención integral que prestan ás vítimas da violencia machista e ás súas fillas e fillos, axudar a mulleres vulnerables, mellorar a súa formación e orientación, ou apoiar espazos e actividades que permitan a conciliación das familias”. Ademais, Luis López puxo en valor “o esforzo que avala o compromiso deste goberno coa igualdade e coa loita contra a violencia machista: un total de 500.000 euros en axudas para os concellos e para as entidades, esta última con 240.000 €”. O incremento respecto ao ano anterior é de 40.000 €, e en conxunto suman unha suba global do 9%.

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.