A Deputación lanza “O Códice da Liberdade”, un videoxogo para dispositivos móbiles que permitirá descubrir dun xeito innovador a historia do Castelo de Soutomaior

O xogo, no que se investiron preto de 71.000 euros e foi financiado con fondos NextGenerationEU, está xa dispoñible na app store de Google e Apple

08/09/2026

A Deputación lanza “O Códice da Liberdade”, un videoxogo para dispositivos móbiles que permitirá descubrir dun xeito innovador a historia do Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar “O Códice da Liberdade”, un videoxogo en galego, castelán e inglés para dispositivos móbiles que permitirá descubrir dun xeito innovador a historia medieval do Castelo de Soutomaior e achegarse a algunhas das principais localizacións históricas da provincia. O xogo, no que se investiron preto de 71.000 euros e foi financiado con fondos NextGenerationEU, está xa dispoñible na app store de Google e Apple.

Con “O Códice da Liberdade” a Deputación de Pontevedra avanza na incorporación de novas fórmulas de interpretación e divulgación do patrimonio provincial, combinando historia, turismo e tecnoloxía para ofrecer unha experiencia capaz de achegar o legado medieval das Rías Baixas aos novos públicos. Deste xeito, ademais do xogo, a app incorpora a realidade aumentada para atopar obxectos escondidos no castelo de Soutomaior durante a visita dos usuarios ao recinto.

Fronte aos videoxogos históricos centrados no combate, a proposta da Deputación aposta pola investigación, a dedución e a toma de decisións. A persoa xogadora trasládase á Galicia de 1470, nun contexto marcado polas loitas de poder da Baixa Idade Media e no que se sitúa no centro a Pedro Madruga, para asumir o papel dun cronista que deberá recompilar testemuños e documentos, resolver enigmas e recuperar sete reliquias repartidas polo territorio para reconstruír o denominado Códice da Liberdade.

O castelo de Soutomaior ocupa un lugar central na experiencia, recreándose diferentes espazos vinculados á fortaleza como as murallas ou o salón de trono. Ademais, a aventura incorpora outros enclaves da provincia como o castelo de Sobroso, o mosteiro de Poio, os bosques de Fornelos de Montes, a cidade de Pontevedra ou a fortaleza de Monte Boi en Baiona. Todos os escenarios forman parte activa da narrativa e das probas que deberá superar o xogador ou xogadora, como descifrar árbores xenealóxicas, reconstruír rutas náuticas ou traballar con manuscritos, convertendo elementos relacionados coa historia e o patrimonio en parte fundamental da experiencia do xogo.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.