A Deputación reúne a responsables municipais para avanzar nunha xestión enerxética máis eficiente e sostible nos concellos da provincia

Javier Tourís: “O aforro enerxético é unha oportunidade para mellorar os servizos públicos e avanzar cara a un modelo máis sostible”

25/06/2026

A Deputación reúne a responsables municipais para avanzar nunha xestión enerxética máis eficiente e sostible nos concellos da provincia

A Deputación de Pontevedra celebrou este xoves no Edificio Administrativo a xornada “Xestiona a enerxía do teu concello con intelixencia”, dirixida a responsables públicos e persoal técnico municipal co obxectivo de mellorar a eficiencia e o control do gasto enerxético nos concellos da provincia. O encontro reuniu representantes de diferentes administracións locais da provincia interesados en coñecer ferramentas, metodoloxías e experiencias prácticas que permitan optimizar os recursos públicos e avanzar cara a un modelo de xestión máis sostible.

O deputado provincial Javier Tourís foi o encargado de clausurar a xornada, na que destacou a importancia de que as administracións locais conten coa información e as ferramentas necesarias para afrontar os retos enerxéticos actuais. “O gasto enerxético representa unha parte moi importante dos orzamentos municipais e, por iso, debemos facer un uso racional e aproveitar todas as oportunidades que temos ao noso alcance para reducir a dependencia enerxética e avanzar cara a un modelo máis sostible”, sinalou. Tourís tamén incidiu na importancia de formación especializada para identificar oportunidades de mellora e implantar medidas que permitan optimizar os recursos. “O noso obxectivo – afirmou- é que todo ese aforro repercuta na mellora dos servizos prestados á cidadanía, liberando recursos para outras áreas prioritarias e contribuíndo ao cumprimento dos obxectivos ambientais que se nos esixen”. Ao respecto, o deputado lembrou a aposta da Deputación pola transición enerxética a través da Oficina de Transformación Comunitaria impulsada ao abeiro do proxecto +Renovables.

A xornada “Xestiona a enerxía do teu concello con intelixencia” responde á necesidade de ofrecer formación especializada aos gobernos locais nun contexto no que o gasto enerxético representa, de media, entre o 8% e o 15% dos orzamentos municipais, unha porcentaxe que se incrementa nos concellos máis pequenos. Os municipios son responsables da xestión de servizos e infraestruturas cun elevado consumo de enerxía, como a iluminación pública, os edificios administrativos, as instalacións deportivas ou as redes de servizos urbanos, polo que unha planificación axeitada e a adopción de medidas de eficiencia tradúcense nun importante aforro económico e nun mellor aproveitamento dos recursos públicos.

Durante a xornada abordáronse cuestións relacionadas coa xestión enerxética municipal, a innovación con impacto político, as ferramentas de análise avanzada e os casos de éxito de concellos que xa están a aplicar medidas de aforro e optimización dos seus recursos. Ademais, presentáronse solucións tecnolóxicas para a elaboración de informes de situación e paneis de control que permiten converter os datos en decisións estratéxicas para os gobernos locais, facilitando tamén o cumprimento das esixencias normativas en materia de sustentabilidade, redución de emisións e implantación de enerxías renovables.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.