Máis de 70 colectivos de Vigo e a súa comarca impartirán cursos a mulleres ao abeiro do programa +Xuntas da Deputación de Pontevedra

Luisa Sánchez e Paula Bouzós reuníronse con entidades beneficiarias para explicar as bases das accións formativas, que abranguen temas como a alfabetización dixital, o benestar, o teatro, a lectura, a artesanía, a xardinería ou o apoderamento feminino

14/06/2026

Máis de 70 colectivos de Vigo e a súa comarca impartirán cursos a mulleres ao abeiro do programa +Xuntas da Deputación de Pontevedra

Máis de 70 entidades sen ánimo de lucro de Vigo e a súa comarca impartirán cursos a mulleres ao abeiro do programa +Xuntas da Deputación de Pontevedra. A institución provincial vén de resolver a convocatoria deste ano desta iniciativa da área de Igualdade, que procura mellorar a formación e as condicións de vida das mulleres, promover o apoderamento e a autonomía persoal, impulsar a participación, crear redes de apoio e romper co illamento, entre outros obxectivos.

De cara a explicar os detalles do programa e resolver dúbidas, a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, e a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, mantiveron un encontro na sede de Vigo ao que asistiron máis de trinta colectivos. Durante esa reunión, as responsables provinciais trasladaron a información necesaria para a correcta posta en marcha das accións formativas e agradeceron a elevada participación rexistrada nesta edición. A maior parte das entidades prevén iniciar os cursos unha vez rematado o período estival.

A oferta inclúe propostas moi diversas. Entre elas figuran cursos de alfabetización dixital, xestión de redes sociais, club de lectura, teatro, risoterapia, musicoterapia, ioga, pilates, ximnasia hipopresiva, xardinería, horta ecolóxica, plantas medicinais, artesanía en coiro, arte floral ou conservación de alimentos.

As formacións desenvolveranse en asociacións de municipios como Vigo, Redondela, Mos, Oia, Tui, Nigrán, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, As Neves, O Porriño ou O Rosal, entre outros.

Luisa Sánchez puxo o foco na dimensión social do programa. Neste sentido, salientou que estes cursos contribúen a reunir ás mulleres dos distintos concellos e parroquias nun contexto de participación e intercambio de experiencias. Deste xeito, favorécese a creación de vínculos persoais.

+Xuntas

O programa +Xuntas está destinado a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra, ou cunha delegación nela, que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres e que apoien o seu desenvolvemento e apoderamento, o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

As accións formativas estarán abertas a toda a poboación da provincia de Pontevedra, aínda que as mulleres terán preferencia. En caso de quedar prazas vacantes, poderán participar homes, ata un máximo do 25 % do total das prazas adxudicadas. As persoas participantes deberán ser maiores de idade ou, de maneira excepcional, maiores de 16 anos.

Galerias de imagenes