A Deputación destina 3.000 euros á Asociación Gandeira Rubia Galega para protexer esta raza autóctona, impulsar o medio rural e fortalecer o sector agrogandeiro provincial
Cos recursos da institución financiáronse tanto os servizos de xuíz cualificador do gando no concurso da XV Feira da Vaca Rubia Galega do país, como a campaña publicitaria e os premios deste evento que acolleu a parroquia de Río, en Rodeiro
17/11/2026
A Deputación de Pontevedra asinou un convenio coa Asociación Gandeira Rubia Galega para reforzar esta raza autóctona, apoiar o desenvolvemento rural e económico da provincia e fortalecer a sostibilidade do sector agrogandeiro. En total, a institución provincial destinou 3.000 euros á asociación para financiar tanto os servizos de xuíz cualificador do gando no concurso da XV Feira da Vaca Rubia Galega do país, como a campaña publicitaria e os premios deste evento que acolleu en outubro a parroquia de Río, en Rodeiro.
Para a Deputación de Pontevedra é fundamental colaborar na recuperación da Feira da Vaca Rubia Galega do país, por constituír un evento estratéxico tanto para o reforzo da presenza e prestixio da raza. Ademais, a feira trátase dunha iniciativa que xera oportunidades de encontro, formación e intercambio entre profesionais do sector, así como promove o desenvolvemento económico local e comarcal, ao atraer visitantes, fomentar o turismo e impulsar a comercialización de produtos derivados da gandería. Por outra banda, contribúe a fixar poboación no rural, protexer o territorio fronte ao abandono e aproveitar de xeito sostible os recursos naturais.
A Feira da Vaca Rubia Galega do país comezou a celebrarse a finais dos noventa do século pasado e nos primeiros anos deste século no recinto feiral da parroquia de Río, en Rodeiro. En 2024 volveu retomarse para dar resposta á situación crítica que atravesa o sector gandeiro, especialmente no referido á produción de carne de calidade e ao mantemento da raza rubia autóctona galega, e para continuar sendo o punto de encontro de referencia para gandeiros, criadores e público en xeral.