A Deputación avanza que destinará preto de 184.000 euros á mellora da capa de rodaxe de varios camiños municipais en Vila de Cruces
A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou hoxe o Concello para anunciar que o organismo financiará integramente a mellora de sete camiños municipais en Gres, Camanzo, Merza, Sabrexo, Obra, Cumeiro e Larazo a través do Plan +Provincia
24/04/2025
A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou hoxe xunto co alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, o concello dezá onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente as obras de mellora da capa de rodaxe de ata sete camiños municipais en Gres, Camanzo, Merza, Sabrexo, Obra, Cumeiro e Larazo. Farao a través dun investimento de 184.000 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia que serán aprobados este mesmo venres na Xunta de Goberno do organismo provincial.
A deputada provincial deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Vila de Cruces mellorar a capa de rodaxe de camiños que se atopan en mal estado de conservación como o camiño en Cirela (Gres), en Guieral (Camanzo), en Moa (Merza), en Obra, na Lama (Sabrexo), en Cumeiro e en Larazo. En Cirela (Gres), Guieral (Camanzo), Moa (Merza), Cumeiro e Larazo, tal e como explicou Cachafeiro, vanse limpar as cunetas e a plataforma, bachear e construír un firme de mestura bituminosa en quente e pavimentar os sobreanchos e os entronques. En Obra, ademais dos traballos anteriores, tamén se vai fresar o pavimento nas zonas de inicio e fin da actuación e na Lama (Sabrexo) vaise limpar as cunetas, construír bases de saburra para regularizar o camiño, executar a base do firme e aplicar un tratamento de tripla rega asfáltica.
Cachafeiro recordou que neste 2025 Vila de Cruces recibirá un total de 770.000 € a través do Plan +Provincia. Neste eido enxalzou este programa que representa “á perfección a nosa forma de traballar, escoitando, atendendo e dando resposta ás demandas dos concellos para transformalos e, así, conseguir que esta provincia avance como nunca antes fixera”. A deputada asegurou que “plans como este permiten que concellos como Vila de Cruces poidan afrontar investimentos e impulsar actuacións transformadoras, que modernizan o territorio e melloran a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.