A Deputación investirá 40.000 euros na rehabilitación e no reforzo estrutural da casona da Finca Areeiro

Luis López asegurou que este investimento, ao que hai que engadirlle outros 90.000 euros que se van destinar a obras no edificio do laboratorio fitopatolóxico, “é unha manifestación clara do compromiso que temos con esta finca e co traballo que nela se realiza”

19/01/2024

Luis López na rolda de prensa

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar unha empresa que realice as obras de rehabilitación e de reforzo estrutural da casona na Finca Areeiro. Luis López asegurou que este investimento, que ascende a 40.000 euros e ao que hai que engadirlle outros 90.000 euros que se van destinar a obras no edificio do laboratorio fitopatolóxico, “é unha manifestación clara do compromiso que temos con esta finca e co traballo que nela se realiza”.

O obxectivo da actuación é arranxar complicacións existentes nos edificios pendentes desde hai anos; deste xeito, no caso concreto da casona, á que se destinarán 40.000 euros, trátase de substituír elementos estruturais e emendar os danos producidos polas filtracións de auga nas fachadas este e sur do seu primeiro andar. No caso do laboratorio, onde se investirán 90.000 euros, rehabilitarase o acceso ao primeiro andar do edificio. “En resumo ―asegurou Luis López―, imos investir nestes meses 130.000 euros para remodelar as instalacións da Finca Areeiro, un centro científico pioneiro que queremos que sexa, se cabe, aínda máis pioneiro”.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, creada en 1981 tras a adquisición da Granxa Areeiro por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado principalmente a asesorar as e os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non controlarse, poden levar á diminución ou á desaparición dos cultivos, e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e os fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía.

Ademais, este centro dependente da Deputación dedícase tamén aos usos produtivos da camelia, principalmente de té e aceite, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. En 2023 os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e tamén impulsou un plan estratéxico do té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións se atopa o rexistro da marca “TéAreeiro”.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.