A Deputación destina 100.000 euros a 24 entidades de 15 concellos da provincia para o fomento do turismo deportivo

“Son 40.000 euros máis que o pasado ano para impulsar acontecementos deportivos que, pola súa relevancia, atraen visitantes e reforzan a imaxe turística de Pontevedra, a provincia do deporte”, subliñou o presidente Luis López

14/11/2025

Conferencia de prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 100.000 € a 24 entidades de 15 concellos da provincia para o fomento do turismo deportivo. "Son 40.000 euros máis que o pasado ano –subliñou o presidente Luis López- para impulsar acontecementos deportivos que, pola súa relevancia, atraen visitantes e reforzan a imaxe turística de Pontevedra, a provincia do deporte".

As axudas oscilan entre os 915 e os 7.600 euros e servirán para financiar actividades deportivas como marchas cicloturistas, carreiras nocturnas, travesías a nado, torneos de tenis, probas BTT, trails, regatas ou eventos como a Gladiator Race de Pontevedra e outras iniciativas deportivas na Guarda, A Illa de Arousa, Moaña, Mondariz, As Neves, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Benefícianse desta liña de axudas provinciais entidades como a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, a Asociación Deportiva e Cultural Galaica, a A.D. Cultural Dorna, a Sociedade Deportiva Samertolameu, a Asociación Educativa e Sociocultural Sportskids, o Club Bádminton As Neves, o Club de Tenis de Pontevedra, o Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo, o Club Serendipia, a Asociación de criadores de cabalos españois de Galicia, o Club Kayak Tudense, o Club Deportivo Hípico Equigalia, a Federación Galega de Balonmán, o Real Club Náutico de Vigo, o Social Ciclismo Fan Manager e a Agrupación Deportiva Cortegada Carril.

videos

audios