A Deputación aumenta ata máis do millón de euros o orzamento do CAAN para mellorar o servizo de esterilización de gatos procedentes de colonias felinas

Luis López anunciou que, ao xa establecido, o contrato sumará outros 320.000 euros para poder mapear e censar gatos dos termos municipais, esterilizar a ata 1.200 felinos e poñer en marcha un programa sanitario da colonia

17/01/2025

Xunta de Goberno

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a modificación do encargo realizado a Tragsatec para este 2025 para desenvolver o servizo de acollida e protección de animais abandonados que presta a través do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN). En concreto, o seu orzamento ascende ata chegar a máis dun millón de euros, tras sumar outros 320.000 euros máis para seguir mellorando o servizo de Colonias Felinas que desenvolve nos 51 concellos adheridos.

O presidente provincial, Luis López, lembrou que no 2024 a Deputación puxo en marcha a campaña de esterilización de gatos e gatas nas colonias felinas, atendendo a un total de 600 animais. Ante ese éxito, e para seguir axudando aos concellos a cumprir coa vixente Lei de benestar animal, a institución provincial acaba de aumentar o número de gatos a esterilizar este ano, ata un máximo de 1.200. “Quero subliñar e recoñecer a gran resposta dos concellos ao longo de 2024 a este novo servizo -explicou López-. Así que anímoos a seguir polo mesmo camiño neste ano que acabamos de comezar, colaborando estreitamente, xuntos, para que a provincia de Pontevedra vaia, sempre, a máis”.

Ademais, o persoal do CAAN tamén se encargará do mapeo e censo dos gatos coa colaboración de cada concello para unha planificación e control nas esterilizacións acorde ao volume de poboación que se desexa controlar, así como para que resulte eficiente e impida o aumento do número de gatos. Tamén se establece un programa sanitario da colonia supervisado por un profesional veterinario, realizando a desparasitación, comprobación sanitaria, vacinación e identificación de cada un dos animais capturados.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.