A Deputación continúa coas visitas teatralizadas aos castelos de Soutomaior e Sobroso con todas as prazas esgotadas

Esta fin de semana as visitas terán lugar o sábado 24 e o domingo 25 de agosto en dous pases: ás 11:30 e 16:30 horas en Sobroso e ás 12:00 e 16:30 horas en Soutomaior

22/10/2026

A Deputación de Pontevedra continúa este sábado e domingo, 24 e 25 de outubro, as visitas visitas teatralizadas aos castelos de Soutomaior e Sobroso, que terán lugar ás 12:00 e 16:30 horas no caso do primeiro recinto e ás 11:30 e 16:30 no caso do segundo, con todas as prazas esgotadas. As actividades, producidas por EscénaTe e pensadas para todos os públicos, estenderanse ata o 1 de novembro e amosarán a historia dos castelos, as súas lendas e as personaxes que habitaron neles para achegalas á cidadanía dun xeito lúdico e divertido.

En total, 470 persoas desfrutarán das actividades en 26 quendas diferentes (cun aforo de 15 persoas por pase no caso de Sobroso e de 20 en Soutomaior). Nas visitas ao Castelo de Sobroso as persoas participantes gozarán de “Os sinais de Sobroso”, unha proposta na que o público integrarase na ficción como parte da poboación refuxiada na fortaleza durante o cerco sufrido pola raíña Dona Urraca e percorrerá os seus espazos descubrindo, a través da acción, como funcionaban os seus elementos e a súa relación co territorio. A experiencia combinará divulgación histórica, interpretación do patrimonio, intriga, humor e elementos da tradición galega vinculados ao Samaín e á Noite de Defuntos, nunha historia que irá facendo convivir progresivamente a realidade histórica de Sobroso coas súas lendas e coa súa memoria popular. As visitas a Sobroso pecharanse a fin de semana do 31 de outubro e 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 11:30 e ás 16:30 horas.

No caso das visitas ao Castelo de Soutomaior as persoas participantes gozarán de “As voces de Soutomaior”, unha proposta que convida o público a percorrer os seus espazos a través das distintas épocas e personaxes que deixaron pegada na súa historia. Pedro Madruga e a memoria da revolta Irmandiña, o marqués de la Vega de Armijo e o ambiente social e político do século XIX, así como María Vinyals permiten descubrir a transformación do castelo en residencia, lugar de cultura e espazo aberto a novas ideas. Con humor, interacción coas e cos visitantes, elementos de lenda e momentos de emoción, a actividades converte murallas, salóns e xardíns nun escenario vivo e presente. As visitas a Soutomaior tamén se pecharán a fin de semana do 31 de outubro e 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 12:00 e ás 16:30 horas.