A Deputación remite ao Concello de Vigo o convenio para cofinanciar a humanización da rúa Rosalía de Castro con 1,7 millóns de fondos provinciais
Luisa Sánchez anuncia que a xunta de goberno provincial aprobará “o antes posible” o documento definitivo, que incorpora as observacións técnicas realizadas o pasado 30 de abril e reforza as cláusulas de publicidade para garantir a visibilidade das achegas
01/06/2026
A Deputación de Pontevedra remitiu este luns ao Concello de Vigo o convenio bilateral que permitirá que ambas institucións financien a humanización da rúa Rosalía de Castro, no tramo comprendido entre as rúas Pontevedra e República Arxentina, por un importe total de 2,4 millóns de euros. O organismo provincial sufragará o 70% desta mellora con 1,7 millóns e a administración municipal completará o orzamento con preto de 700.000 euros.
A vicepresidenta, Luisa Sánchez, anunciou que a Deputación aprobará “o antes posible” este convenio, unha vez que foron atendidas as observacións realizadas polos técnicos da Deputación o pasado 30 de abril no relativo ao proxecto. Así mesmo, informou de que se reforzaron as cláusulas de publicidade recollidas no documento para salvagardar os intereses da institución e para garantir que a cidadanía coñece a contribución das diferentes administracións públicas nos investimentos efectuados en Vigo e Pontevedra. Tal e como precisou, trátase dun “convenio tipo” con idéntico contido para as dúas cidades da provincia.
A este respecto, recordou que o goberno local de Pontevedra deu o seu visto e prace a este texto no mes de maio “sen poñer a máis mínima pega” e que a Deputación o ratificou o pasado venres para avanzar na formalización dun dos convenios bilaterais de 2026 entre o Concello de Pontevedra e a Deputación.
Así, Luisa Sánchez instou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a facer o propio para “dar pasos adiante na mellora” da cidade olívica e iniciar a sinatura dos diferentes convenios bilaterais do presente exercicio, para os que o orzamento provincial reserva 5 millóns de euros.
O proxecto
A humanización da rúa Rosalía de Castro, no treito comprendido entre as rúas Pontevedra e República Arxentina, abranguerá un tramo de 110 metros de lonxitude e unha superficie duns 3.743 metros cadrados.
Esta mellora contempla a “transformación” da fisionomía da rúa neste punto, optando pola igualación de pavimentos para crear unha plataforma de uso compartido, polo establecemento dun carril en cada sentido e pola substitución do aglomerado asfáltico por formigón desbastado con disco. Estes trocos permitirán reducir a velocidade dos vehículos, minimizar ruídos e rebaixar a temperatura ambiente.
Ademais, crearanse novas zonas de sombra e lugares de encontro cidadá, que gañan terreo con respecto ao tráfico rodado. De feito, a superficie destinada a áreas peonís e xardíns aumenta ata o 69% do total.
“Imos converter un espazo case baleiro dedicado principalmente ao tránsito nun lugar de destino no que o obxectivo é pasar tempo”, salientou Luisa Sánchez.
Pintor Colmeiro
A vicepresidenta anunciou o envío do novo convenio durante unha visita á obra que se está a acometer para remodelar a rúa Pintor Colmeiro, unha actuación que inclúe a instalación de catro ramplas mecánicas para salvar unha pendente superior ao 10%.
Tal e como avanzou, os traballos rematarán este verán grazas a unha achega provincial de 1,9 millóns de euros. Este importe representa o 68% do total: 2,8 millóns.
A Deputación de Pontevedra avisou previamente ao Concello de Vigo da visita a esta obra, que contempla a ampliación do espazo peonil, a pavimentación da calzada, a instalación de iluminación LED, melloras na accesibilidade e na seguridade viaria, así como a renovación integral do mobiliario urbano e das redes de saneamento.
