A Deputación mobilizará esta fin de semana máis de 500 persoas de entidades de seis concellos ao abeiro de +Convivencia

Serán 10 actividades que achegarán ás persoas participantes ata lugares tan singulares da provincia como a illa de Ons, San Simón, Tambo e Cortegada ou a Fervenza do Río Barosa

17/07/2025

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, con 10 novas actividades das que desfrutarán 504 persoas da provincia a través de entidades de Mondariz, Ponteareas, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Salvaterra do Miño. A saída máis popular será a que levará a veciñanza á illa de Ons, que visitarán o  domingo 19 de xullo 55 persoas da Asociación Cultural Nosa Forteza de Salvaterra do Miño, e o luns 20 de xullo desde Mondariz outras 45 persoas da Asociación Cultural Recreativa Casino de Vilasobroso, 45 veciños da Asociación Pé de Mula e 40 participantes máis da Asociación de Maiores.

As actividades complétanse o domingo cunha visita guiada á Illa de Cortegada que gozarán 68 persoas da ANPA Rosalía de Castro (Vilagarcía de Arousa), cunha excursión a Sanxenxo, O Grove e Pontevedra por parte de 55 veciños da Asociación San Miguel de Oia (Vigo), e unha viaxe á Illa de San Simón que realizarán 53 participantes da Asociación de Maiores de Ponteareas. Tamén o domingo 50 persoas da Asociación Amizade (Pontevedra) realizarán un paseo pola Ría de Vigo, 48 veciños da Sociedade Española da Camelia (Pontevedra) percorrerán a illa de Tambo e 45 mulleres da Asociación Tempo Gañado (Salvaterra do Miño) a fervenza do Río Barosa.

O programa +Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.