A Deputación reúne máis de medio millar de persoas na xornada do programa +Convivir celebrada en Meaño para poñer en valor o compromiso do movemento veciñal coa dinamización da vida sociocultural da vila
O deputado provincial Marcos Guisasola participou nas actividades que tiveron lugar no pavillón polideportivo de Xil
08/11/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Meaño no marco do programa +Convivir deste 2026. O deputado provincial Marcos Guisasola participou nas actividades que tiveron lugar no pavillón polideportivo de Xil e nas que se deron cita máis de medio millar de persoas.
Marcos Guisasola lembrou que esta xornada forma parte da terceira edición do programa, que está a percorrer a xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. O deputado provincial definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Meaño”, e que vai na liña de axudas como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.
Durante esta xornada lúdica no pavillón polideportivo de Xil, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla primeiros auxilios da man de Iago López, un obradoiro de risoterapia a cargo de Mónica Novas e unha actividade de zumba. Completouse a sesión do programa da Deputación de Pontevedra +Convivir cunha merenda dinamizada con música de DJ.
A terceira edición de +Convivir arrancou en setembro en Cangas de Morrazo e tralo seu paso por Poio, As Neves, Marín, Agolada, Ponteareas, A Estrada e Meaño continuará as vindeiras semanas en Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga. Nas dúas anteriores edicións desta iniciativa da Deputación participaron un total de máis de 10.000 persoas.
