A Deputación iluminará de verde o Pazo provincial a noite do martes co gallo do Día Nacional da Artrite
A institución provincial súmase ás accións de visibilización promovidas na provincia desde a Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO)
29/09/2024
A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o Pazo provincial durante a madrugada do martes 1 de outubro, desde as 0:00 horas ata as 8:00 horas do mércores 2, co gallo do Día Nacional da Artrite. Deste xeito, a institución únese ás iniciativas promovidas pola Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO) como xesto de solidariedade e compromiso coas persoas que sofren esta doenza e mais cos seus achegados.
O Día Nacional da Artrite conmemórase cada 1 de outubro, e a iluminación de espazos públicos para dar visibilidade a esta doenza é unha das actividades que se organizan anualmente no marco da Coordinadora Nacional de Artrite na campaña “Outubro, mes da artrite e a espondiloartrite”. O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra foi o ano pasado un dos máis de 160 edificios e monumentos que se iluminaron co gallo desta efeméride en máis de 110 localidades de todo o territorio español.
A Deputación súmase a esta acción co obxectivo de concienciar e dar visibilidade a esta enfermidade, que afecta tanto a persoas maiores como a poboación máis nova con síntomas como dor crónica, fatiga extrema, inflamación articular ou mobilidade reducida. Enfermidades reumáticas como a artrite idiopática xuvenil, a artrite psoriásica, a artrite reumatoide e a espondiloartrite afectan a más dun millón de persoas en España.