A Deputación decora por primeira vez na historia o Pazo provincial co gallo da Feira Franca de Pontevedra
03/09/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou este xoves a decoración da institución provincial co gallo da Feira Franca de Pontevedra, que celebra a súa XXV edición os días 4 e 5 de setembro. Trátase da primeira vez que a institución provincial decora o Pazo provincial con motivo desta festividade, instalando tres grandes lonas situadas nos tres balcóns da fachada principal do edificio. Ademais, o Palacete das Mendoza xa está engalanado coa súa habitual decoración durante os días de celebración.
A decoración dos principais edificios da Deputación na cidade de Pontevedra son unha mostra do apoio da institución provincial ás festas da provincia, tendo en conta ademais que a Feira Franca está declarada Festa de Interese Turístico Galego e que a contorna do Pazo provincial, a explanada de Montero Ríos, é un dos epicentros das actividades. O compromiso da institución coas festas vai moito máis alá de achegas e xestos puntuais: contribúe á súa organización mediante diferentes liñas de financiamento, apoia especificamente as celebracións de interese turístico e leva concertos, espectáculos e actividades culturais a centos de eventos que se celebran nos 61 concellos da provincia.
