A Deputación supervisa en Forcarei a execución de cunetas de seguridade na estrada provincial EP-7203 Soutelo-Covas

A actuación de seguridade viaria acaba de iniciarse nun tramo que discorre por Fixó e Portela ao abeiro do acordo marco de cunetas na rede da Deputación, dotado con máis de 2 millóns de euros

04/02/2026

forcarei obras cunetas EP-7203

A Deputación de Pontevedra acaba de comezar a execución de cunetas de seguridade e obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-7203 Soutelo-Covas, no concello de Forcarei. A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade e tamén alcaldesa da vila, Belén Cachafeiro, recorreu o tramo no que se están a desenvolver as actuacións ao abeiro do acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación, que ascende a 2 millóns de euros.

Segundo destacou Cachafeiro, as obras que se están a realizar no concello de Forcarei trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas nun tramo de 900 metros estrada provincial EP-7203 Soutelo-Covas. En concreto, estase a traballar entre os puntos quilométricos 5+400 e o 6+000, no lugar de Fixó, e entre os puntos quilométricos 6+300 e o 6+700, no lugar de Portela. Tal e como destacou a deputada e alcaldesa de Forcarei, esta actuación permitirá “mellorar a drenaxe da estrada e tamén a súa seguridade, ao configurar espazos máis seguros para os peóns. As obras contemplan a execución de cunetas de seguridade, a colocación de tubaxes para drenaxe, a execución de arquetas e o recrecido de pozos.

Belén Cachafeiro lembrou que esta actuación se suma aos traballos que a institución provincial está a desenvolver en Forcarei ao abeiro deste acordo marco na EP-7204 Soutelo-Ratel, no lugar de Pousada, que “se atopan interrompidos temporalmente debido ás condicións meteorolóxicas adversas actuais e se retomarán en canto o caudal de auga circulante polas cunetas o permita”.