A Deputación leva este martes o espectáculo de danza Coa cabeza nas nubes ata O Rosal dentro do ciclo +Escénicas

O espectáculo, de Cía Söa, está dirixido a todos os públicos e representarase na Praza de San Xián ás 21:00 horas

26/07/2026

A Deputación de Pontevedra leva este martes 28 de xullo ata O Rosal a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo de danza Coa cabeza nas nubes, de Cía Söa, que se representará ás 21:00 horas na Praza de San Xián.

Coa cabeza nas nubes é un espectáculo multidisciplinar que combina teatro físico, danza e clown para o público familiar. En escena, dous personaxes conviven no mesmo espazo. Un deles, afogado polo traballo, tenta sobrevivir baixo unha morea de papeis. A súa compañeira, en vez de botarlle unha man, interrompe constantemente e só pensa en xogar. Entre ambos desátase unha divertida batalla chea de humor e acrobacias, onde se confrontan as súas visións da vida.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.