A Deputación leva este martes o espectáculo Tachán! de Inventi Teatro a Bueu dentro do ciclo +Escénicas

16/08/2026

A actuación está dirixida a un público infantil a partir dos 4 anos e representarase na Praza Massó a partir das 20:30 horas

+Escénicas leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes, cun orzamento este ano de 204.000 euros que supón un aumento do 36% de recursos respecto á súa primeira edición

Pazo provincial, 16 de agosto 2026. A Deputación de Pontevedra leva este martes 18 de agosto ata Bueu a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo Tachán! de Inventi Teatro, que se representará a partir das 20:30 horas na praza Massó.

O novo espectáculo de Inventi Teatro, a compañía formada por Bea Campos e Marcos Alonso, está pensado para todos os públicos e chega cargado de maxia, circo e moita diversión. Despois dunha xogada do destino os protagonistas desta historia, afogados polas débedas e pola precariedade inmobiliaria, deciden facerse coas pertenzas dun antigo circo para probar sorte no mundo do espectáculo. Grazas á ilusión e á súa amizade inquebrantable converteranse nos artistas máis sorprendentes da pista… aínda que nada saia exactamente como estaba previsto.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.