A Deputación leva ata o Palacete das Mendoza a exposición "Figuras, paisaxes e soidade", de Gonzalo Varela
A mostra do artista abre as súas portas na sede de Turismo Rías Baixas o venres 26 de decembro e poderá visitarse ata o 18 de xaneiro
21/12/2025
A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres 26 de decembro no Palacete das Mendoza a exposición "Figuras, paisaxes e soidade", de Gonzalo Varela. A mostra, protagonizada por debuxos, pinturas, figuras e retratos do artista, estará dispoñible ata o 18 de xaneiro na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.
A exposición de Gonzalo Varela contén debuxos, pinturas, figuras e retratos que nos levan a un mundo entresoñado que descobre a soidade do pintor e da xente. Hai nus masculinos e femininos con variadas poses e actitudes, e retratos de homes e mulleres de distintas idades, soas, de faces melancólicas, e ás veces atormentadas. Tamén as figuras vestidas son solitarias, porque o protagonista da mostra é o ser humano nun espazo sen relacións. Personaxes xélidos, estáticos e detidos no tempo, que Gonzalo Varela crea con óleo, co lapis acuarelable, coa plumilla ou coa nogalina dentro de paisaxes en distintos planos e cores frías.
Os horarios de visita da mostra "Figuras, paisaxes e soidade" no Palacete das Mendoza serán os seguintes: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas, os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos e festivos de 10:00 a 14:00 horas. Permanecerá pechado o 24, 25 e 31 de decembro, e o 1 e 6 de xaneiro.