A Deputación “tende pontes culturais” con Portugal co II Ciclo de Concertos ás Beiras do Miño

O presidente Luis López remarcou que “se onte tendemos pontes entre As Neves e Monçao para construír unha ponte peonil transfronteiriza, hoxe vimos ata A Guarda para anunciar que tamén tendemos pontes culturais entre ambas beiras do Miño”

29/07/2025

Luis López na guarda

A Deputación de Pontevedra “tende pontes culturais” con Portugal co II Ciclo de Concertos ás Beiras do Miño, que impulsa xunto coa Orquestra Clásica de Vigo. O presidente Luis López remarcou que “se onte tendemos pontes entre As Neves e Monçao, con ese proxecto que imos impulsar para construír unha ponte peonil transfronteiriza, hoxe vimos ata A Guarda para anunciar que tamén tendemos pontes culturais entre ambas beiras do Miño”.

Será, tal e como informou Luis López, a través de catro concertos abertos ao públicos, de 1 hora de duración aproximada, centrados en composicións de Beethoven, cos que “imos poñer en valor a historia compartida a través da música en espazos abertos situados nas Neves, Melgaço, Caminha e aquí, na Guarda”. Os concertos comezarán este sábado, 2 de agosto, ás 21:30 horas na Praza Maior das Neves e continuarán o 6 de agosto, tamén ás 21:30 horas, na Alameda de Inés Negra de Melgaço e o 13, ás 22:00 horas, no Largo Calouste Gulbenkian de Caminha. O II Ciclo de Concertos ás Beiras do Miño rematarán o 16 de agosto ás 21:00 horas no Auditorio de San Bieito da Guarda.

 “Queremos seguir avanzando no noso compromiso de converter ao río Miño nun punto de encontro entre dous pobos irmandados, cunha cultura compartida, e nun elemento de unión, de cooperación territorial e de aproveitamento das potencialidades destes dous territorios”, asegurou o presidente. Neste eido, Luis López amosou a vontade de “seguir impulsando iniciativas para avanzar na colaboración internacional entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, investindo recursos como os máis de 835.000 euros que destinamos xa nos dous primeiros anos de mandato á fronte da Deputación de Pontevedra”.

audios