A Deputación aproba unha achega de preto de 22.000 euros para que o Concello de Catoira acondicione os vestiarios do campo de fútbol municipal das Lombas

Estes recursos forman parte do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que dirixe a Catoira máis de 95.500 euros para a mellora das súas instalacións deportivas

16/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de máis de 22.000 euros para que o Concello de Catoira acondicione os vestiarios do campo de fútbol municipal das Lombas. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

Cos recursos da Deputación de Pontevedra Catoira vai acometer obras de mantemento xeral e acondicionamento dun dos bloques de vestiarios do campo de fútbol municipal das Lombas. Deste xeito, as obras contemplan a mellora das condicións de acceso, térmicas e de salubridade e inclúen a renovación de pavimentos, o pintado de paramentos interiores, a renovación de portas interiores, a renovación de ventás, a substitución de inodoros e a renovación da instalación de fontanería. Ademais, con estes recursos provinciais o concello tamén vai adquirir novo equipamento deportivo como balóns de fútbol oficiais da RFGF ou similares.

Catoira está a recibir no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) máis de 95.500 euros para a mellora das súas instalacións deportivas. Deste xeito, coas achegas da Deputación de Pontevedra, o concello está a impulsar, ademais desta actuación no campo de fútbol municipal das Lombas, outros proxectos como o acondicionamento do pavillón municipal e do club de piragüismo.