Luis López presenta un novo plan de investimentos para os concellos: o Plan Vía Depo, unha inxección de 8M€ para a arranxar as estradas municipais danadas polos temporais
O mandatario provincial anuncia o reparto de axudas dirixidas aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes para reparar baches, actuar en sistemas de drenaxe ou adecentar accesos a recursos naturais
13/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar este luns diante de alcaldes e alcaldesas da provincia un novo programa extraordinario de investimentos do organismo provincial deseñado especificamente para os concellos de menos de 50.000 habitantes, todos os da provincia agás Vigo e Pontevedra, que contan coa súa vía singular de financiamento. Trátase do Plan Vía Depo, unha ferramenta dotada con 8 millóns de euros que servirá para realizar melloras nas estradas de titularidade municipal e accesos a recursos naturais e arranxar os danos provocados polos temporais do inverno. “A rede viaria municipal, os concellos e a xente precisan axuda e unha vez máis van ter axuda da Deputación”, afirmou o mandatario provincial nun acto celebrado no salón de plenos do Pazo provincial no que, ademais de rexedores dos concellos destinatarios deste plan, asistiron tamén todos os membros do goberno da Deputación.
Segundo explicou o presidente provincial, cada concello recibirá un mínimo de 50.000 euros e os recursos restantes repartiranse baixo criterios obxectivos de superficie, poboación e o número de entidade singulares. Estes fondos servirán para que os concellos financien actuacións relacionadas coa mellora do trazado e o reforzo da súa estrutura, a conservación do firme con operacións de fresado, a reparación de pavimentos, baches, gretas ou novas capas de rodadura; a estabilización de muros de contención que afecten a vías municipais, a actuación en sistemas de drenaxe, como cunetas ou sumidoiros e a reparación de sendeiros e paseos de acceso a praias fluviais e marítimas. “Son fondos dirixidos directamente a reparar o que se estragou, a mellorar o que debe ser mellorado. Devolver os camiños ao estado previo ás borrascas e, se cabe, modernizalos para que poidan resistir mellor futuros episodios difíciles”, remarcou López. Por esa razón, o Via Depo no se poderá empregar para cofinanciar outros plans da Deputación, nin servirá para financiar a redacción de proxectos, dirección de obra ou adquisición de terreos.
O compromiso do goberno provincial co mantemento das estradas non se cingue unicamente a este paquete de axudas aos concellos, o goberno provincial leva investidos no que vai de mandato máis de 82 millóns de euros en labores de conservación e mellora da rede viaria de titularidade da Deputación. En concreto, en actuacións de conservación integral e accións en firmes e cunetas mobilizáronse 40,5M€ aos que hai que engadir 17,6M€ en mellora de estradas provinciais por iniciativa da Deputación e outros 24,7M€ a través de convenios con concellos. Unha atención constante que serviu para mitigar os efectos do tren de borrascas deste inverno, onde as brigadas atenderon desde o 1 de xaneiro un total de 430 incidencias. “A Deputación estivo á altura cando todas esas borrascas afectaron as 1.600 quilómetros de estradas provinciais que vertebran todo o territorio. E a Deputación estivo á altura xa antes dos temporais facendo os deberes, na prevención, na planificación e no coidado e mellora da rede”, subliñou López.
Neste sentido, lamentou o presidente provincial que o cumprimento da Deputación coas súas competencias en materia de infraestruturas viarias contrasta co abandono que sofren as vías de titularidade estatal. “O goberno desta casa comparte con moitos organismo e usuarios a urxencia dunha AP-9 gratuíta e xestionada desde a Comunidade Autónoma. Pero non é menor o interese que temos na reparación das estradas nacionais, desde o primeiro minuto, alzamos a voz para solicitar unha mellora integral por parte do Goberno central das estradas nacionais, máis de 300 quilómetros en total, que artellan a provincia; e seguirémolo facendo ata que sexa necesario. Necesitamos un cronograma realista, suficientemente dotado orzamentariamente e continuado no tempo para que as estradas nacionais deixen de ter nalgúns puntos un aspecto máis propio do século XIX, que do ano 2026. Canto máis tempo pase, máis complexa e máis diñeiro nos costará a todos a súa reparación”, reclamou López.
A Deputación estivo, está e estará cos concellos
O apoio aos concellos da provincia non se limita unicamente a este novidoso Plan Vía Depo, desde comezo do mandato o goberno provincial aprobou un amplo de programas de investimentos dirixidos aos 61 municipios da provincia que mobilizaron case 300M€ en menos de tres anos. Fixo referencia o presidente ao Plan +Provincia, que neste curso pon a disposición dos 59 concellos da provincia a cifra récord de 85M€; ás tres convocatorias do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cun investimento total de 20M€; ou as dúas convocatorias do Plan Extra cos que se mobilizan 73M€. “É tal o grao de compromiso cos municipios, que cando moitos de vós precisades de apoio para executar unha actuación ou resolver un problema, en quen primeiro pensades, a quen primeiro mirades, e a onde primeiro chamades é aquí: á Deputación de Pontevedra”, destacou López.
“O Plan +Provincia, o Plan EXTRA, o Plan de Infaestruturas Deportivas e, agora, o Plan Vía Depo. Son catro piares do noso apoio aos concellos, pero hai máis, practicamente cada medida que se aproba nesta casa sitúavos no centro, porque sodes a nosa vía principal para chegar á xente. A Deputación estivo canda eles cando decidiu abrir unha nova etapa marcada pola atención ás pequenas realidades da provincia e ás máis grandes. A Deputación está con eles cada día, no fondo das nosas medidas, e na forma: con cordialidade, sen ruído, sen crispación. E a Deputación estará con eles: os veciños, e por tanto os concellos son a nosa única prioridade. A Deputación estivo, está e estará. Por iso nace o Plan Vía Depo. Por iso traballamos para ser cada día unha provincia extraordinaria”, rematou o presidente Luis López dando as grazas aos alcaldes e alcaldesas da provincia pola súa asistencia e pola acollida a este novo plan de apoio aos concellos.
