Luis López subliña o apoio da Deputación ao empredemento desde as idades máis temperás ata as atencións dos viveiros de empresas e de Smart Peme

O presidente provincial participa en Vilagarcía na apertura do foro que organiza a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos para poñer o foco no labor deste colectivo

14/04/2026

Luis López subliña o apoio da Deputación ao empredemento desde as idades máis temperás ata as atencións dos viveiros de empresas e de Smart Peme

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o compromiso do organismo provincial co colectivo de traballadores autónomos da provincia a través de iniciativas específicas de colaboración co tecido empresarial, así como de xeito indirecto coa oferta de obra pública que está a promover o goberno provincial. Fíxoo na apertura da segunda edición do Congreso de Relevo Xeracional organizado pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos no auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa. “Os colectivos emprendedores da provincia tedes na Deputación un apoio sólido e un aliado leal: como altofalante, ao apoiar reivindicacións históricas do sector como a redución da burocracia e da fiscalidade; como aliados á hora de solicitar medidas que palíen incrementos de custos de operativa, como a alza do combustible; como trampolíns de ideas e proxectos, apoiando aos emprendedores desde as idades máis temperás ata as máis maduras; e, en xeral, como motores do sector. A actividade da Deputación dá traballo aos autónomos, por dicilo dun xeito directo”, afirmou o mandatario provincial.

Neste sentido, debullou Luis López distintas accións impulsadas polo goberno provincial que benefician de xeito directo e indirecto aos colectivos de traballadores autónomos e ás empresas da provincia. Un exemplo está nos viveiros de empresa de Lalín e Barro, onde o polígono industrial vén de acadar o 100 % de ocupación. Outra mostra sitúase no apoio ao emprendemento a través da combinación dos programas Smart Peme da Deputación e dos Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia para prestar asesoramento en diversos ámbitos e impulsar a modernización tecnolóxica. Ademais, para garantir o relevo xeracional a Deputación promove a cultura do emprendemento desde as idades máis temperás co programa DepoEmprende, pensado para estudantes de Educación Primaria, Secundaria e Formación Profesional; así como cos Premios Provinciais de Xuventude.

Con todo, a administración pública impulsa tamén a carga de traballo dos autónomos e empresas que operan na provincia a través da oferta de obra pública que promoven plans como o aprobado esta semana Vía Depo, un paquete de 8 millóns de euros para que os concellos arranxen as estradas municipais; coa liña de apoio a entidades veciñais para que realicen reparacións ou melloras de todo tipo nos seus locais ou en inmobles da súa titularidade, ou a través de campañas directas de impulso ao comercio local con programas como Da Túa man.

“Cando contratamos multitude doutros servizos, estamos a botar man dun autónomo ou autónoma. A Deputación ten as portas abertas aos autónomos. Quero que saibades que a Administración provincial comprende as vosas dificultades, ampara as vosas reivindicacións e vos rende aplauso aos que cada mañá erguedes a persiana para que esta sexa unha provincia extraordinaria”, concluíu o presidente Luis López. .

Galerias de imagenes